Saturday 16 de November de 2024

Ordes celebrará o vindeiro venres o Día do Deporte


Terá lugar no Campo da Feira en horario de tarde e poderán participar todo tipo de público

O Concello de Ordes celebrará o vindeiro venres a segunda edición do Día do Deporte. Concretamente terá lugar o vindeiro venres 13 de setembro de 16.30 a 20.30 horas no Campo da Feira. (en caso de chuvia trasladarase ao pavillón Campomaior). Poderán participar todas as persoas que o desexen, de maneira totalmente gratuíta e sen necesidade de inscribirse previamente

A través desta iniciativa poderanse ampliar coñecementos, obter información ou experimentar a práctica das seguintes modalidades deportivas: Aikido, taekwondo, atletismo, tiro con arco, tenis, fútbol, fútbol sala, orientación, patinaxe artística, ximnasia rítmica, baloncesto, kickboxing, pádel e hóckey a patíns. Ademais tamén terán a oportunidade de recibir agasallos e entrar no sorteo de material deportivo sempre que cheguen a completar o circuíto de actividades previsto pola organización, o cal pasa por cada unha das áreas reservadas a cada deporte. Para participar deberá recollerse un cupón na zona de organización ese mesmo día.

Para a posta en marcha desta xornada o Departamento de Deportes do Concello conta coa colaboración de Sportec e a Casa Grande de Xanceda, ademais do apoio dos seguintes clubs: Club Patinaxe Galia, Club Atletismo Ordes, Jogafán F.S., Boud-Sport Club de Taekwondo, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, Sociedade Deportiva Club Órdenes, A.C. Órdenes, Club SEO, Adarve, Ximnasia Rítmica Carral/Ordes, K2 Ordes, Pádel Club, Kickboxing OPC Fitness, Asociación Galega de Aikido Dentou Iwama Ryu, ISAASK, CAB Obradoiro e a Asociación Enfeitizados.