Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame remata as tarefas de limpeza e mantemento do ximnasio e o polideportivo municipal


Concello de Lousame vén de rematar as tarefas de limpeza e mantemento do ximnasio e o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, acometidas ao longo deste semana despois da finalización do cambio da cuberta da instalación. Os concelleiros de Ensino, Silvia Agrafojo, e Deportes, Jesús Martínez, visitaron as instalacións para comprobar que todo quedaba en orde para a súa reapertura á veciñanza a próxima semana.

Jesús Martínez destacou a gran mellora que supón o cambio da cuberta municipal pois “o polideportivo gaña moito en canto a luz natural, algo que notarán os usuarios e usuarias que utilizan estas instalacións a primeira ou a última hora do día, pero coa chegada do inverno tamén notarán que o illamento é total, polo que non só non haberá pingueira ningunha senón que ademais as condicións térmicas serán moito mellores ca antes”.

Un punto no que coincidiu Silvia Agrafojo, quen se amosou agradecida de á Consellería de Educación “cuxa achega permitirá que os nenos e nenas do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro poidan desfrutar dunhas instalacións deportivas de primeiro nivel” e apuntou que a próxima actuación que fará o Concello será “intentar mellorar a acústica do polideportivo”.

Durante esta primeira semana de setembro o polideportivo municipal de Lousame estivo pechado ao público pola realización de tarefas de mantemento e limpeza tanto no ximnasio municipal como no resto da instalación, logo de que durante o mes de agosto se procedera á substitución da cuberta de chapa por outra de paneis sandwich e policarbonato. Unhas obras que supuxeron un investimento de 112.115 euros e acometidas grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e a Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade.