A mostra, que recolle os traballos da artista coruñesa Lidia Carrión, poderá verse ata o 30 de setembro
A exposición está formada por 14 lenzos de técnica mixta de diferentes tamaños, un rolo de lenzo sen enmarcar e sen bastidor, un rolo de papel realizado na rúa con bosquexos de tinta chinesa e 8 bosquexos de figura humana a lapis.
A artista parte da pintura impresionista e da mirada flâneur modernista para tratar de reflectir o intre dentro dun contexto urbano. Válese da captación do movemento das persoas viandantes a través de liñas expresivas realizadas con tinta chinesa para plasmalo no soporte artístico como se fose unha fotografía instantánea.
A exposición “Observatorio do instante” inaugúrase hoxe ás 19.00 horas e estará aberta ata o 30 deste mes. No acto de presentación, a artista realizará unha performance na que fará un gran debuxo sobre soporte de lenzo que formará parte da mostra.
A sala Plataforma14 está coordinada polo Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña, e pretende visibilizar a creación realizada polas e polos artistas emerxentes da nosa cidade. Toda a información sobre este espazo pode atoparse na web www.coruna.gal/cmix/plataforma14.