Saturday 16 de November de 2024

A área de Réxime Interno de San Sadurniño destina 17.000 euros a distintas melloras na Casa do Concello


As obras atenden á distribución dos espazos e a reparacións na zona expositiva

O Pazo consistorial encóntrase estes días en obras co obxectivo de levar a cabo varias melloras no edificio, relacionadas cun mellor aproveitamento dos espazos e tamén coa conservación do inmoble. Desde hai uns días as contraventás da fachada están abertas de par en par e fixadas á parede, na que foi a primeira intervención dunha serie de traballos que tamén contemplan a construción dunha nova oficina, o acondicionamento do espazo arredor dos aseos e tamén un repaso ás paredes da galería onde se penduran as exposicións. Os labores están orzamentados en 17.113 euros, que se financiarán nun 70% con cargo a unha axuda da Dirección Xeral de Administración local da Xunta de Galicia.

A galería municipal converteuse desde o cambio da sede do Concello en 2014 nun espazo que xa leva acollido unha chea de exposicións, maiormente fotográficas e pictóricas. Habitualmente botan entre 15 días e un mes, polo que o habitual é que os contidos deste corredor se renoven varias veces ao longo do ano. Un movemento que, por máis que se tente evitar, deixa pegada nas paredes. A rehabilitación do pazo como Concello non contaba con que se producise ese desgaste, que xa obrigou a repasar a pintura en alomenos unha ocasión. E agora xa lle vai tocando de novo. Porén, o Concello vai darlle unha solución definitiva ao problema dos desconchóns accidentais forrando as paredes cun material máis resistente e doado de limpar.

Alén desta, na Casa Consistorial faranse outras melloras. Entre elas o proxecto reflicte o cambio das portas interiores por outras que aillen mellor a temperatura e mailo son, mantendo un deseño idéntico ao das actuais.

Por outro lado, o plan contempla o acondicionamento dunha oficina para Secretaría na ala norte do edificio, que irá situada no distribuidor do primeiro andar onde conflúen a saída do ascensor e unha das portas que comunican coas escaleiras principais. Esta obra deixará libre un dos puntos de traballo das oficinas administrativas e técnicas, de xeito que a área de Réxime Interior poderá facer unha mellor distribución do espazo para o persoal.

En relación co aproveitamento do espazo dispoñible, o executivo local decidiu tamén preparar o pequeno corredor que rodea os aseos do baixo e maila caixa do elevador. Cando se rehabilitou o Pazo, tanto os servizos como o acceso ao ascensor deixáronse exentos das paredes, de maneira que quedou un recinto aberto en forma de L que non tardou en empezar a utilizarse como almacén para sillas e mobiliario necesario para os eventos que se desenvolven no patio interior. O que se vai facer agora é tabicalo por un dos lados e preparalo como un almacén en condicións.

A última das actuacións previstas -e a primeira que se executou- foi o amarre das contraventás exteriores que dan ao norte e o oeste para que queden abertas permanentemente, co que o acceso pola escalinata de toelo e outras estancias desa parte do edificio ganan en luminosidade.

Todas estas intervencións teñen un orzamento de 17.113,21€ dos que o Concello só deberá asumir o 30%, xa que o 70% restante -11.979,25€- será sufragado con cargo a unha axuda da Dirección xeral de Administración local para investimentos en instalacións municipais.

Exposición “A paisaxe interior” e nova peza de Carlos García
E, namentras se van facendo as remodelacións, o Pazo segue acollendo exposicións. Baixo as columnas do patio interior temos até o 20 de setembro a mostra “O rural, tarefas e lembranzas”, que xunta preto de 60 apeiros de labranza e fotografías antigas sobre o noso agro. Unha mostra que, desde hoxe mesmo, se reforza cunha figura da “Muller labrega” tallada polo artista local Carlos García a xeito de reivindicación do papel feminino como sustento do agro e do desenvolvemento do país.

A estatua de madeira dálle a benvida a visitantes e persoas que acoden ás oficinas municipais, despois de estar exposta o sábado pasado na Feira Rural e o domingo na Feira do Pan de Neda, ataviada daquela como panadeira.

Canda esta exposición, esta semana tamén abriu ao público “A paisaxe interior”, da pintora Paula Aneiros. Son unha vintena de cadros de grande cromatismo e un estilo expresionista que poderemos admirar até o 30 de setembro na Galería do Concello cos horarios de visita habituais, coincidentes cos de apertura das oficinas municipais. Ademais, ata o 15 de setembro a mostra tamén poderá percorrerse durante as fins os sábados e domingos de 10 a 14.00h.