A concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, e o arquitecto responsable da Oficina de Rehabilitación e Vivenda, Javier Fernández, presentaron a convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios nas Áreas de Rehabilitación Integral do Concello: Casco Histórico, Vista Alegre, Pontepedriña e Vite. O prazo de solicitude estará aberto ata o 6 de outubro.
Mercedes Rosón explicou que se deu un prazo de dous meses, toda vez que a apertura da convocatoria tivo lugar nun mes coma o de agosto pouco propicio para as xestións. Ademais, a concelleira deu conta dos detalles do procedemento e dos estados actuais das rehabilitacións en cada unha das ARI afectadas. En total, desta vez, a convocatoria permitirá achegar 2.310.000 euros, que servirán para financiar un máximo de 237 actuacións nestes catro ámbitos.
A 16ª fase da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico ten unha dotación de 150.000 euros para financiar actuacións en ata 25 vivendas. Lembrou a concelleira que esta ARI ten unha tipoloxía diferente ás demais, por canto se trata na súa maioría de vivendas unifamiliares cuxa intervención ten que ver sobre todo con temas estruturais e materiais.
No caso do barrio de Vista Alegre e da súa fase 9ª, subvencionaranse ata 128 actuacións, cunha achega total de 1.280.000 euros. Mercedes Rosón explicou que esta é unha ARI xa moi avanzada que, de resolver as problemáticas especiais de edificios concretos, podería ter concluída a rehabilitación de todos os seus edificios entre esta e as próximas convocatorias.
Cos 240.000 euros destinados ao grupo de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios (Pontepedriña) financiaranse 20 actuacións. Para a concelleira, esta é a ARI que rexistra un avance máis lento, a causa do estudo de detalle (para concretar a accesibilidade a estruturas arquitectónicas complexas) cuxo texto refundido está pendente de entregar. A isto sumou a “realidade social” do barrio.
Finalmente, haberá 640.000 euros en axudas para 64 actuacións no barrio de Vite. Esta ARI, a máis nova, acometerá a súa segunda fase e a concelleira amosou o seu convencemento dun rápido avance, xa que “hai xa varias comunidades que teñen presentado proxectos, e outras que xa teñen instalados ascensores, polo que poden facer fronte a actuacións de menor custo”. No caso de Vite, debido á súa orografía, tamén foron precisos ata cinco estudos de detalle.
Actuacións subvencionables e persoas beneficiarias
Poden ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que asuman de xeito efectivo o custo da execución das actuacións obxecto da subvención. As actuacións obxecto de axuda son as actuacións de rehabilitación executadas sobre elementos e instalacións comúns de edificios de uso residencial colectivo, e, de ser o caso, sobre a envolvente, e instalacións en edificios unifamiliares, así como as actuacións de consolidación e reposición sobre a súa estrutura tradicional de madeira. Os criterios de prioridade na concesión son a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a adecuación á normativa xeral.
Un máximo do 85% do custo
A porcentaxe das axudas respecto ao total do custo da obra calcúlase en función da relación entre ingresos totais ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria residente na vivenda e o índice público de renda para efectos múltiples, podendo alcanzar ata un máximo 85% da cota de participación no custo das actuacións.
En canto a cantidades, fíxase un límite conxunto en función do número de vivendas e superficie dos locais con outros usos, que vai dende o máximo de 16.000 euros/vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética, ata 12.000 euros/vivenda no resto. Estas cantidades poden incrementarse en 1.000 euros/vivenda en edificios catalogados.
Ademais, como lembrou Mercedes Rosón, o Concello ten unha liña de axudas complementarias, que permiten completar os importes das obras no caso de persoas con “máis vulnerabilidade e menores ingresos”. Indicou que é intención do Goberno municipal seguir habilitando estas subvencións.
Ata o 6 de outubro
O prazo de solicitude é de dous meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, rematando o 6 de outubro. O prazo máximo para a xustificación do remate das actuacións será de 18 meses dende a data en que se notifique a cualificación provisional.