O Concello, a asociación CVM e a Federación Galega organizan o III Open de dominó Concello de Moeche, puntuable para os campionatos galego e estatal
A nave do mercado de San Ramón acollerá o sábado 14 de setembro o III Open de Dominó Concello de Moeche, coorganizado polo propio Concello, a Asociación Recreativa e Deportiva CVM e a Federación Galega de Dominó. Trátase dun torneo aberto que arrancará ás 10.15h. e que disputará durante o día un total de sete roldas rexéndose polo regulamento federativo tanto estatal como galego. Repartiranse máis de 1.000 euros en metálico -ademais de trofeos e outros agasallos- dentro das categorías de parellas e equipos. As inscricións están abertas desde hai varios días. Cómpre chamar ao 636 110 492. O prezo da participación, xantar incluído, son 35€ por persoa.
Moeche vai consolidándose pouco a pouco como referente no norte da provincia dun dos clásicos de toda a vida en calquera taberna, centro social ou sobremesa: o dominó. Xogo de estratexia de grande implantación en Galicia e fantástica ferramenta de adestramento mental, o dominó parece que estea recobrando forza, aínda que a media de idade dos xogadores e xogadoras -as menos- pase amplamente dos 45-50 anos. Reivindicalo como entretemento que reforza os vínculos sociais, como exercicio moi san para a cabeza e incluso como deporte -o xadrez éo-, son só tres das razóns que levaron ao Concello a apoialo e implicarse no seu desenvolvemento, tendo en conta ademais que en toda a volta hai grande querenza por el.
Neste III Open de Dominó a loxística organizativa corre por conta do consistorio e da Asociación CVM, que agrupa persoas afeccionadas de Cerdido, Valdoviño e Moeche, con apoio da federación galega. De feito, na súa web pode atoparse toda a información sobre o torneo aberto do día 14, que se disputará en sete roldas de enfrontamentos. Os primeiros estableceranse por sorteo, mentres que os seguintes irán xa polo sistema suízo con partidas a 300 puntos ou 50 minutos de duración, o que antes chegue.
Pola mañá disputaranse catro roldas entre as 10.15 e as 13.50h., logo farase unha parada para xantar un menú servido polo Bar O Mercado dentro do prezo da inscrición e, trala sobremesa, xogaranse outras tres roldas, con inicio previsto ás 16.30h. e remate a iso das 19.10h. Competirase no apartado de parellas e no de equipos, que deberán estar formados por un mínimo de 8 e un máximo de 14 compoñentes. Estes últimos terán que estar federados para optaren aos premios, que serán ben cumpridos en ambas categorías: trofeos e paletillas para as cinco mellores parellas -ademais dos 320€ que se repartirán entre as tres primeiras- e, no caso dos equipos, 250€ para o primeiro, 150 para o segundo, 100 euros para o terceiro e 80€ para o 4º, 5º e 6º clasificados.
O aberto de Moeche é puntuable para o Campionato Galego e para o Campionato de España desta disciplina. A algo máis dunha semana do inicio hai confirmada xa a participación dun bo número de parellas “chegadas de toda Galicia e tamén de Asturias”, tal e como comenta Daniel Rodríguez, un dos responsables de CVM e da federación, xunto con Victor Lago e o modestino Arsenio Martínez. “Vén xente de Cangas de Onís, de Vigo, de Ponte Caldelas, da zona do Deza, da Barbanza… Hoxe xa hai preinscritas 60 parellas, pero han ser moitas máis ao longo da próxima semana. Ademais as inscricións poden facerse tamén o mesmo día antes das 9 da mañá”.
Para anotarse neste encontro hai que chamar ao 636 110 492, teléfonos nos que tamén nos facilitarán máis información sobre o desenvolvemento do aberto. O prezo son 35€ por persoa, xantar incluído, que deberán satisfacerse o propio día 14 antes do comezo das partidas.