A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financia este tipo de traballos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo e á orde de Infraestruturas
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro informou da resolución das ordes de Axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo competitivo e de Infraestruturas que repartirán máis de 737.975 euros en 10 concellos da comarca do Barbanza. En total, 74 municipios da provincia da Coruña recibirán máis de 3,7 millóns de euros con cargo a estas ordes de subvencións.
O delegado territorial visitou, esta mañá, o concello de Carnota no que a Xunta investirá máis de 60.000 euros con cargo a este fondos. Grazas a esta achega levarase a cabo a adquisición de 78 soportes para contedores de lixo e 95 novas luminarias. Ademais, o municipio conta cunha brigada para levar a cabo actuacións de mantemento e mellora medioambiental.
Ovidio Rodeiro destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
Entre as actuacións importantes da comarca destacan tamén os máis de 200.000 euros que recibirá Mazaricos para a limpeza de estradas, a colocación dun punto de auga, a recuperación da mina Parxubeira e para a colocación de colectores de residuos e a adquisición de pala de rodas compacta con culler de volteo estándar e pinza portapalets.
O investimento total repártese entre Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Serra de Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Noia, Ribeira e entre a Mancomunidade de Serra do Barbanza, tendo en conta criterios obxectivos por ter no seu territorio municipal un parque eólico ou por estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
Estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.