Inés Rey e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, recibiron hoxe en María Pita aos 13 nenos saharuís e ás súas familias de acollida
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, recibiron esta mañá no Salón de Sesións do Pazo de María Pita as e os 13 nenos saharauís que este verán participan en ‘Vacacións en Paz’. O Concello colabora coa entidade sen ánimo de lucro para facilitar as viaxes dos nenos saharauís durante o verán dentro do programa que leva máis de 20 anos posibilitando a estancia de menores que viven en campamentos de refuxiados en saharauís en Tindouf, Arxelia.
Na súa intervención, a rexedora manifestou o seu agradecemento público as persoas voluntarias e familias acolledoras, salientando “o traballo fundamental” realizado por Solidariedade Galega para o Pobo Saharauí e “a vontade e xenerosidade” das familias de acollida. Á vez, a alcaldesa lembrou ás e aos menores que teñen as portas abertas da Coruña e amosou o especial cariño e respecto da cidade polo pobo saharauí. “Grazas por seren embaixadores de paz e por ensinarnos tanto, por transmitir valores de igualdade, diversidade e de respecto á diversidade”.
Xunto á rexedora e á edila de Benestar Social, Igualdade e Participación, tamén estiveron presentes na recepción Maite Isla, presidenta da Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e Mohamed Zerga, delegado Saharauí en Galicia.
A presidenta da entidade responsable do programa de acollida ‘Vacacións en Paz´, Maite Isla, destacou a importancia desta estancia xa que «permite saír dunhas condicións moi duras e afastar do deserto a estes menores durante os dous meses de verán, cando se rexistran temperaturas superiores aos 50 graos nos campos de refuxiados».