A variante e o novo chan industrial, entre os asuntos sobre a mesa
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, recibiu esta mañá ao alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, co obxecto de abordar unha serie de asuntos que resultan estratéxicos para o futuro do municipio barbanzán.
Neste senso, o rexedor municipal fixo partícipe ao presidente autonómico da importancia que reviste para este concello sacar canto antes a variante de Riveira. A este respecto, o presidente comunicou que no outono sairá a exposición pública o trazado da mesma e comprometeuse a estudar a viabilidade económica para que a execución da primeira fase sexa unha realidade no prazo máis curto que sexa factible.
Outro dos temas expostos por Ruiz Rivas foi a construción do novo polígono industrial, salientándolle que a axuda da Xunta de Galicia sería fundamental para poder abaratar custes á hora de afrontar esta actuación. Sobre este tema, acordaron analizalo polo miúdo unha vez o proxecto técnico estea nas mans do Concello.
Manuel Ruiz solicitou que o Goberno de Galicia se manteña firme na súa postura de propoñer a declaración como Patrimonio de Humanidade do parque nacional no seu conxunto, cuestión na que Núñez Feijoo ratificou a intención de seguir adiante coa candidatura Cíes-Illas Atlánticas.
Infraestruturas portuarias
Nos transcurso da entrevista deuse un repaso á situación das distintas infraestruturas portuarias do municipio e, sobre este extremo, o presidente comunicou que xa están aprobados por parte de Portos de Galicia os pantaláns comprometidos coa confraría de pescadores para Santa Uxía e que está prevista a súa inmediata licitación. Ademais, valorouse a necesidade de buscar solucións para temas como o mantemento e á definitiva ubicación dos redeiros.
Ampliación do hospital
Outro dos asuntos tratados durante a reunión foi o Hospital da Barbanza, respecto do cal Manuel Ruiz expuxo a conveniencia de afrontar a súa ampliación unha vez estea completado o arranxo de Urxencias.
Por último, o alcalde de Riveira pediu que a Xunta de Galicia extreme ao máximo os informes técnicos pertinentes antes de proceder a recepcionar de Acuaes a depuradora de Couso coa fin de dispoñer de plenas garantías en canto ao seu correcto funcionamento.