A compañía acaba de renovar o acordo como patrocinador da iniciativa, que trata de acercar a cultura ás persoas con diversidade funcional, cunha achega económica de 18.000 euros
A compañía Vegalsa-Eroski renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa para apoiar cunha achega económica de 18.000 euros o programa “Cultura Accesible e Inclusiva”, que xestiona a entidade municipal. Á sinatura do acordo acudiron o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, e a alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey.
A compañía reforza un ano máis o seu apoio ás persoas con diversidade funcional cunha iniciativa que lles achega a cultura e pretende lograr a igualdade de oportunidades no acceso e desfrute das actividades que oferta a cidade. Tamén afonda na eliminación de obstáculos para a plena participación de toda a cidadanía. Desde a empresa queren contribuír a conseguir que as persoas con diversidade funcional poidan desenvolver e empregar todo o seu potencial creativo, artístico e intelectual “xa que cremos firmemente no seu valor engadido para toda a sociedade”, afirman.
Como patrocinador, Vegalsa-Eroski terá presenza en todos os actos de difusión pública e en soportes publicitarios e de comunicación que teñan que ver co programa “Cultura Accesible e Inclusiva”.