Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto de animación á lectura no que nenos/as porán en escena o conto “A Cincenta que non quería comer perdices”


 

A iniciativa está incluída no programa de voluntariado xuvenil “Xuventude Activa Lousame 2019” e dirixida a maiores de 6 anos

O Concello de Lousame convoca un obradoiro de animación á lectura dirixido a nenos e nenas de 6 anos en adiante. Unha iniciativa organizada ao abeiro do programa de voluntariado xuvenil “Xuventude Activa Lousame 2019”, polo que será de carácter gratuíto e será impartido por voluntarios e voluntarias do municipio.

O obradoiro terá lugar os sábados de mediados de setembro a outubro, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Serán varias sesións que terán lugar na Casa da Cultura de Lousame e/ou nos locais sociais das parroquias, dependendo do número de nenos e nenas que se apunten á iniciativa. Unhas inscricións que poden formalizarse na Oficina de Información Xuvenil de Lousame ou chamando ao teléfono 981 820 494.

Durante o obradoiro, o alumnado traballará sobre a adaptación do conto “A Cincenta que non quería comer perdices”, realizando distintos xogos, creación de historias e mesmo unha posta en escena da peza, cos ensaios previos. Un conto no que a rapazada tamén aproveitará para reflexionar sobre cuestións como a igualdade de xénero.

Esta iniciativa desenvólvese dentro do programa de voluntariado xuvenil “Xuventude Activa Lousame 2019”, que leva a cabo o Concello de Lousame co apoio da Dirección Xeral de Xuventude. Un programa que xa leva celebrados un obradoiro de rap en galego e un curso de manexo de drons e que desenvolverá varias actividades máis ao longo do vindeiro trimestre.