Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño encara outra semana intensa chea de cine e festa


O VI Chanfaina Lab e o San Pipote de Bardaos marcan o inicio de setembro

 

Acabamos de pasar unha fin de semana cargada de actividade no entorno da Cortiña. O sábado houbo feira e o domingo o Sons na Cortiña con dous momentos centrais: a andaina contra o cancro organizada pola AC Brío e a agrupación da AECC nas Pontes, na que participaron 374 persoas, e os concertos e xogos da tarde, nos que puidemos ver unha chea de nenas e nenos canda as súas familias gozando do lugar e da música de Uxía Lambona e a Banda Molona e máis The Tetas Van. Hoxe foi día de descanso antes de retomar con forza unha programación municipal e veciñal capitalizada polo encontro audiovisual Chanfaina Lab e polas festas de Santa María e do San Pipote en Bardaos. A troula pipoteira comeza o xoves, mentres que as actividades chanfaineiras arrancan xa mañá con varios obradoiros formativos que aínda teñen prazas dispoñibles. Para apuntarse neles hai que mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao teléfono 616 332 919. E cómpre bulir, xa que uns están a piques de completarse e outros suspenderanse se non se dá un número mínimo de inscricións.

A sexta edición do Chanfaina presenta como novidade principal a súa duración, comprendida entre este martes 3 de setembro e o domingo 8. Os catro primeiros días están reservados para distintos obradoiros e os dous últimos -o sábado 7 e o domingo 8- para que os equipos se centren na gravación das súas pezas. Ademais, o venres á noitiña -20.30h.- tamén poderemos asistir á tradicional Eira de Cineastas -un pase público que escolma fragmentos ou curtas enteiras de cada participante- e o sábado á mesma hora proxectarase na Casa da Cultura o documental “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén.

Entre os realizadores e realizadoras que confirmaron asistencia contaremos con Abel Vega, Aldara Pagán, Ana Martínez, Ana Moreiras, Ana Lamas, André Barbé, Ángela Arnosa, Antón Rodríguez, Anxo Santomil, Bieito Beceiro, Carmen Bouza, Carmen Couce, Catalina Rodríguez, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Eloy Arnosa, Fran Bermúdez, Fran X. Rodríguez, Graciela Galdo, Iago Lourido, Irene Beceiro, Javier Seoane, Lucia C. Pan, Luis Avilés, Manolo Abad, María Yáñez, Mónica Cibreiro, Noemi Caneiro, Olga López, Pablo Martínez, Roberto Bouza, Sara Alonso e Noelia Uceira.

Ademais, nos últimos días tamén se incorporaron á relación de participantes un grupo de sete mozos de Naraío coa intención de gravar durante a fin de semana a segunda parte dunha curtametraxe filmada na parroquia hai 25 anos. Así, esta edición do Chanfaina vai contar con 41 nomes confirmados de aquí e de acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais, que han de filmarse entre o sábado 7 e o domingo 8 de setembro.

Entre os datos que se tiran deste Chanfaina cómpre destacar que o 58% da participación é feminina e o 42% masculina, o 70 % das inscricións corresponde a cineastas locais e o 30 % a cineastas chegados doutras partes de Galicia e, ademais, desde a organización tamén se indica que existe “un gran equilibrio de idades” , pois o 18% teñen menos de 18 anos, de 18 aos 30 anos representan o 31%, de 30 a 50 o 27%, e un 24% veñen sendo cineastas de máis de 50 anos.

Actividades paralelas de martes a venres
O programa chanfaineiro empeza este martes 3 cun obradoiro impartido pola realizadora e por dúas veces chanfaineira Sandra Sánchez, quen falará entre as 16 e as 20.00h. sobre técnicas de montaxe audiovisual. Para esta sesión aínda hai dispoñibles dúas prazas das 17 ofertadas inicialmente.

O mércores 4 tocará un obradoiro sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Esta proposta vai -dirixida a mocidade de 18 a 25 anos-desenvolverase das 10 ás 14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de APP’s para dispositivos Android. De momento só se cubriron tres prazas en cada un dos obradoiros. Para que vaian adiante será necesario que haxa alomenos cinco inscricións ou, doutro xeito, ambos talleres serán suspendidos.

O venres 6 asistiremos a un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido polo experto Anxo Santomil entre as 10 a 14.00h. Esta actividade oferta 10 prazas das que aínda quedan tres por cubrir.

Toda a programación formativa do VI Chanfaina Lab é gratuíta e para reservar algunha das vacantes dispoñibles hai que enviar un correo o antes posible a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao teléfono 616 332 919.

A benvida aos creadores e creadoras que participarán no VI Chanfaina Lab daráselle o venres á tarde facendo a plantación simbólica dunha moreira no arboreto de especies autóctonas da Cortiña. Nese momento tamén se fará a tradicional foto de familia da presente edición. Durante o sábado e mailo domingo, os equipos de gravación percorrerán o territorio á procura de historias para contar ou daquelas que xa traen preparadas e que agardan a ser filmadas. Nese labor é moi importante a axuda de persoas e entidades de aquí: facendo de guías, axudando coas localizacións e botando unha man coa produción. Calquera persoa que queira sumarse ao proxecto como voluntaria pode facelo a través das mesmas vías de contacto.

De xoves a sábado: Santa María e San Pipote en Bardaos
A comisión de festas de Bardados e maila Confraría do San Pipote teñen xa pechado o programa das festas máis multitudinarias que temos no concello, as de Santa María-San Pipote. Na parroquia manteñen invariable un calendario que lles está funcionando ben, con “arrincadeira” suave o xoves e días fortes o venres e mailo sábado, deixando o domingo para descansar.

Así, o xoves 5 o punto de encontro será o local social da Bañoca, onde poderemos bailar a partir das 23.00h. co Dúo Imagen e o seu repertorio de éxitos dos 80 e 90.

O venres 6 teremos misa e procesión na honra de Santa María -13.30h.- seguida dunha sesión vermú animada pola orquestra Xacobeo, quen repetirá á noite na compaña de Samba.

O sábado 7 reedítase a misa e a procesión xunto coa “función”, da que se encargará a orquestra Triunfo. A iso das 17.00h. a actividade trasládase á área recreativa para disputar as disparatadas Olimpiadas Parroquiais e, como peche dos festexos, Triunfo medirase na verbena coa orquestra Pontevedra, reservando un dos cambios de pase para a procesión dos bocois e o pregón de Carlos Cobelo. Ademais, durante toda a xornada do sábado haberá pasacorredoiras pola parroquia.

Enviamos imaxe da realizadora naronesa Sandra Sánchez, quen xa participara en anteriores edicións do Chanfaina Lab. Este martes ofrecerá un obradoiro sobre montaxe audiovisual na Aula Cemit.

Vai tamén unha foto do San Pipote do 2012, un dos máis multitudinarios que se lembran.