Un total de 530 persoas, maiores de 65 anos e os seus cónxuxes ou parellas, participaron onte domingo 1 de setembro na edición número 31 da Festa dos Maiores de Brión, unha das máis antigas que se celebran en Galicia. O tempo acompañou, o que fixo que o baile de fin de festa se estendera ata ben pasada a tarde xa que non foron poucos os veciños e veciñas que se animaron a botar unhas bailas a pesar da calor.
A festa estivo presidida polo alcalde de Brión, José Luís García, que foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes. Despois celebrouse unha misa no patio do IES de Brión, que deu paso ao tradicional xantar de confraternidade no pavillón polideportivo de Pedrouzos servido polo restaurante A Magdalena. Un xantar onde as persoas participantes recibiron un paraugas como agasallo conmemorativo da festa.
A música correu a cargo de Ruth Gundíns, cantante brionesa finalista no Recantos do Luar. A misa estivo amenizada polo Coro Briame, composto por rapaces e rapazas de Brión e Ames.