Friday 22 de November de 2024

A Xunta aposta pola formación en robótica e manexo de drons no albergue xuvenil de Gandarío


Rapazas e rapaces de 13 e 14 anos aprenden habilidades tecnolóxicas no marco da Campaña de verán
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o compromiso coa formación nas novas tecnoloxías e a accesibilidade das actividades organizadas ao abeiro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Fabiola García, acompañada pola directora da Amtega, Mar Pereira, visitou os dous campamentos que se están a desenvolver no albergue xuvenil de Gandarío, un centrado na innovación e outro nas actividades deportivas e de ocio orientado para mozas e mozos con discapacidade.

A conselleira indicou que soamente nesta temporada estival pasaron por estas instalacións da Xunta en Gandarío 860 rapazas e rapaces repartidos en 15 campamentos. Na actualidade hai 80, dos cales 50 están a participar no campamento tecnolóxico Digitalia, no marco do Plan DigiTalent.

Neste campamento aprenden dunha maneira lúdica a técnica do vídeo mapping, que consiste na elaboración de vídeos para a súa representación nocturna sobre edificios; a crear, controlar e voar drons; e a empregar ferramentas informáticas para construír e poñer en funcionamento robots.

Habilidades fundamentais para o día de mañá
Fabiola García, que agradeceu á Amtega o seu compromiso coa formación da xuventude en materia de innovación e tecnoloxía, salientou que este campamento é unha experiencia enriquecedora que permite aos participantes adquirir coñecementos e habilidades que lles serán de gran valor no día de mañá se optan por unha saída profesional relacionada cos avances tecnolóxicos. Estes participantes combinan a súa formación con actividades na praia e no mar como vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou a importancia de impulsar as vocacións tecnolóxicas en idades temperás e lembrou que ese é un dos obxectivos do Plan Digitalent que a Xunto puxo en marcha o ano pasado en colaboración co ecosistema dixital.

Campamento específico para discapacidade
Ademais desta actividade tecnolóxica, no albergue de Gandarío está a ter lugar outro campamento no que conviven 30 mozas e mozos con algún tipo de discapacidade. Ao longo do verán foron 90 as prazas reservadas para xente nova con algún tipo de discapacidade nestas instalacións plenamente adaptadas, fronte as discapacidades físicas e tamén cognitivas grazas á instalación de pictogramas, sinalizacións mediante debuxos dos diferentes servizos e espazos deste albergue.