Os traballos teñen un prazo de execución duns 4 meses e consistirán no fresado e a reposición do firme nos puntos nos que a capa de rodadura se atope deteriorada
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará este luns as obras de mellora do firme na estrada AC-413, ao seu paso polos concellos de Ordes, Cerceda e Tordoia, por importe de preto de 800.000 euros.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones López Cao, S.L., teñen un prazo de execución duns 4 meses.
As intervencións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta levaranse a cabo no tramo da estrada comprendido entre o punto quilométrico 3 e o 16+200, que coincide coa intersección coa estrada autonómica AC-400, á altura do núcleo da Silva, no Concello de Cerceda.
As actuacións consistirán no fresado e a reposición do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada.
Ademais, executaranse unha serie de medidas complementarias como a disposición de captafaros, o repintando de marcas viarias, a renovación de sinais verticais e de contención e a realización dunha cuneta de seguridade, onde sexa necesario.
Cómpre lembrar que a Xunta xa actuou nos treitos inicial e final da estrada, pois en 2016 realizáronse obras de rehabilitación da capa de rodadura nos tres primeiros quilómetros. Actualmente tamén está en execución outro contrato de melloras de firme, que inclúe traballos no tramo final da estrada AC-413.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa estes traballos co obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.