O Concello coordinará os traballos de demolición e pavimentación da calzada cos principais afectados, como son a estación de autobuses, o colectivo de taxis, os responsables do centro comercial e os do aparcadoiro da praza do Tebeo, entre outros
O día 9 de setembro está previsto que comecen as obras de remodelación dos cruzamentos das rúas Salgado Torres, Fernández Latorre, Ramón y Cajal e Alcalde Pérez-Ardá, onde se construirá unha glorieta. Os traballos de demolicións e pavimentacións desta realizaranse en tres fases. Na primeira delas, o Concello cortará o tráfico polo túnel de Salgado Torres, que quedará como de entrada e saída de obra, e habilitará un carril por Pérez- Ardá, ao quedar inutilizado o sentido que vén de Fernández Latorre e conecta con esta rúa. Poderase tamén acceder a Ramón y Cajal desde Pérez- Ardá.
No segundo tramo, quedará cortada a rúa Ramón y Cajal en ambos os sentidos desde a avenida de Oza, agás para particulares con garaxes e autobuses e taxis que vaian en dirección á avenida do Exército e á rúa Alcalde Marchesi. Por outro lado, o túnel de Salgado Torres volverá a ser transitable desde Pérez-Ardá, rúa pola que se poderá circular en ambos os dous carrís.
Xa na terceira fase, permitiranse todas as rutas e a rotonda estará operativa aínda que provisional e cun único carril. Desde a Concellería de Infraestruturas coordinarán as obras con todos os diferentes operadores e afectados que traballan na zona, como son a estación de autobuses, o colectivo de taxis, o centro comercial ou o aparcadoiro da praza do Tebeo, entre outros. Ademais, os cambios principais faranse de noite para evitar incidencias de tráfico. Estímase que a duración de cada fase será de aproximadamente un mes.
Desde finais de maio ata agora, executáronse actuacións previas á demolición da calzada como foi a instalación de canalizacións de pluviais e para o cableado da iluminación e semáforos.