O comité de xestión reuniuse esta semana para presentar os informes das actuacións realizadas dende 2013 e os obxectivos de cara ao vindeiro ano
O comité de xestión do programa A Sementeira mantivo esta semana unha xuntanza de traballo co fin de poñer en coñecemento de todos os axentes implicados os informes das actuacións realizadas no período 2013-14. Na cita tamén se abordaron aspectos relacionados coa planificación e as actividades previstas para o primeiro semestre do ano que está a piques de comezar.
Entre os asistentes figuraron o alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, Manuel Regos; a tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín; os integrantes de Cáritas Ordes, Clemente Boo e José González; o director adxunto e de Comunicación
de Cáritas Diocesana de Santiago, Javier García; o responsable da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes, Domingo Lojo e a directora do CIM de Ordes, Nazaret González.
O programa A Sementeira ten un fin social do que se benefician un total de 22 familias da zona de Ordes. Todo iso coa colaboración conxunta de Cáritas, Mancomunidade e Concello de Ordes. Entre as accións levadas a cabo dende o seu inicio figuran o cultivo de produtos hortícolas nunha parcela de 6.500 metros cadrados situada no núcleo urbano ordense. Ademais tamén se organizan plans de formación relacionados coa agricultura ecolóxica, autoemprego, compostaxe, aproveitamento de recursos naturais como os cogomelos, e cultivos específicos como o amorodo. Contribuíndo co financiamento figuran empresas da zona, Asociación Tarandeira, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Asociación de Empresarios de Galicia e Sogama.
Entre os obxectivos fixados de cara á vindeira tempada sobresae a construción dun invernadoiro de 900 metros cadrados, proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña. Isto complementarase cun labor de formación en áreas como a produción e comercialización de moitos dos produtos hortícolas, o aproveitamento dos recursos e as fórmulas de autoemprego.
Como beneficios máis inmediatos dos que forman parte desta iniciativa figuran: resolución parcial do problema de abastecemento de alimentos en núcleos familiares con escasos recursos, incentivar a interrelación positiva de axuda entre persoas e culturas do esforzo neles ou contribuír á produción ecolóxica entre outros.