A partir do luns, o persoal técnico municipal realizará revisións na planta para comprobar que se cumpre cos requisitos esixidos administrativamente
A empresa Albada comunicoulle este mediodía ao Concello que empezará a retirar, a partir de mañá, as preto de 12.000 toneladas de rexeitamentos acumulados desde o mes de abril, tal e como se lle solicitou administrativamente, coa saída de camións da planta de Nostián. A partir do luns, os técnicos municipais realizarán as revisións oportunas, tal e como se estipula no requirimento que se lles enviou o pasado martes para comprobar que cumpren cos requisitos esixidos.
Medio Ambiente, que leva desde o inicio do mandato facendo un seguimento practicamente diario da situación, viuse na obriga de actuar esta semana ante os riscos de seguridade que implica o amoreamento de rexeitamentos para as traballadoras e traballadores e o perigo ambiental derivado dunha provisión que xa invade as vías de accesos aos antigos vasos da planta e que imposibilita case o tránsito a pé e en vehículos. Neste aspecto, para mandar o terceiro dos requirimentos, aparellado a unha advertencia de execución subsidiaria, o Concello tivo en conta o último informe técnico, no que se estima que hai entre 10.000 e
12.000 toneladas de residuos almacenadas na Coruña desde abril, cando a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental prohibiu o depósito de rexeitamentos do Concello da Coruña no vertedoiro de Grixoa (Santiago de Compostela).
Por outra parte, a concellería estivo estes meses en contacto permanente coa empresa a través de comunicados e persoalmente, “con conversas fluídas e
cordiais” na busca dun apoio mutuo. Tamén mantivo encontros coas distintas administracións coa reunión en xullo entre a alcaldesa Inés Rey e o presidente Alberto Núñez Feijóo.
TRASLADO DIARIO
No escrito que se lles remitiu o martes, o equipo municipal esíxelle tamén que se lles dea saída aos rexeitamentos que se están a acumular a diario, procedentes do concello, para que non se produzan novos aprovisionamentos nas instalacións. En concreto, reclámalle á UTE que retire diariamente da provisión de proceso e afinamento amoreado un mínimo de entre 135 e 150 toneladas de acordo coas estimacións feitas polos técnicos municipais de residuos, que prevén que cunha franxa de entre 24 e 26 camións diarios (de luns a venres) se pode eliminar todo o rexeitamento amontoado, xestionando á vez o que se xera pola operativa normal da planta, nun prazo máximo de catro meses.
Deste xeito, Medio Ambiente solicítalle á empresa un informe diario relativo ao control do movementos de saída da planta, no que terán que distinguir entre Consorcio e Concello, especificando, para este último, as toneladas correspondentes á xestión diaria e as do stock acumulado.