Concello e Consellería cambiaron a cuberta do polideportivo municipal, ampliaron a biblioteca e habilitaron unha aula de usos múltiples con capacidade para 100 persoas, entre outras melloras
Fase final para as múltiples obras de mellora que se están levando a cabo este verán no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame, froito da boa colaboración entre a dirección do centro, a asociación de nais e pais, o Concello de Lousame e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Unhas actuacións que no caso do Concello de Lousame supoñen un investimento de máis de 100.000 euros.
Así o confirmou esta mañá a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante unha visita realizada ao centro na que estivo acompañada pola concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo; a directora do CPI Cernadas de Castro, Pilar Cobas; e Inmaculada Martínez e María Soledad Justo, integrantes da directiva da ANPA. Villaverde Pais quixo “agradecer a colaboración ofrecida polo centro escolar, polos pais e pola Consellería de Educación, que leva anos implicándose na mellora deste colexio, primeiro cambiando a cuberta e facendo un patio cuberto, e agora construíndo un aula de usos múltiples e colaborando no cambio da cuberta do polideportivo municipal, espazo de uso compartido co alumnado do colexio”.
Primeira aula de usos múltiples
A directora do colexio foi a encargada de explicar unha por unha as distintas actuacións que se están a rematar estes días no centro, de forma que estean rematadas para o inicio do curso o vindeiro 11 de setembro. Así, tras a desafección da antiga casa do conserxe, a Consellería de Educación está a converter ese espazo nunha aula de usos múltiples. Para iso foi preciso derrubar todos os tabiques interiores, actuar sobre as paredes do local e cambiar o chan e o teito do inmoble.
“Ao final quedará un aula de usos múltiples cun aforo para cen alumnos, que era unha das necesidades máis grandes que tiñamos no centro”, explica Pilar Cobas. De feito, o colexio estaba a empregar as instalacións do ximnasio para a realización de actividades con gran número de participantes.
Ampliación da Biblioteca
Paralelamente, o Concello de Lousame está a desenvolver unha serie de actuacións de mellora, que se suman aos habituais labores de mantemento que se fan aproveitando as vacacións escolares. “Son unha mestura de obras de envergadura e outras máis pequenas nas que tamén contamos coa colaboración da ANPA”, sinala a directora do centro, “e que responden a ver como podemos facer para ter un mellor aproveitamento das instalacións do centro”.
Entre esas actuación que está a acometer o Concello de Lousame figuran a ampliación da biblioteca, onde se derrubou un tabique que comunicaba unha aula para gañar ese espazo. Nestes momentos estase co pintado da nova biblioteca. A Consellería de Educación tamén colabora na obra coa achega de material educativo. En compensación, o Concello de Lousame acondicionou unha nova aula para desdobres ou atención á diversidade. Un pequeno espazo que se atopaba infrautilizado como almacén.
Hoxe mesmo comezaron as obras de construción dunhas novas escaleiras de acceso ao centro. “Permitirá que os nenos e nenas poidan baixar do patio superior ao inferior directamente, sen ter que retroceder por onde están os autobuses, de xeito que melloramos a súa seguridade”, apunta a directora do CPI.
Finamente, o Concello de Lousame acondicionará as paredes do comedor do colexio, sobre as que os pais e nais pintarán uns murais para que o espazo sexa máis atractivo para os nenos. Inmaculada Martínez, tesoureira da ANPA, explica que “a zona do comedor estaba moi sosa e propuxemos facer uns murais e uns graffiti para que o comedor sexa máis bonito e acolledor para os nenos, sobre todo para os máis pequenos”.
Cuberta do polideportivo
Así mesmo, Teresa Villaverde confirmou que “durante as vacacións de Nadal procederemos ao aglomerado da zona de acceso aos parques infantís o que, sumado ás actuacións que se realizan durante este verán, supoñen un investimento para o Concello de Lousame de máis de 100.000 euros”. A alcaldesa lousamiá confirmou tamén a finalización das obras de substitución da cuberta do polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”, nas que se investiron 111.804 euros, e cunha achega de máis de 60.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
As obras incluíron o levantado das chapas da cuberta, dos paneis traslúcidos, canalóns e remates do polideportivo, que foron substituídos por unha cuberta de paneis sándwich illantes de aceiro, de 80 mm de espesor e 1.150 mm de ancho, con acabado inferior microperforado con parafusería de aceiro inoxidable, combinado con pranchas de policarbonato celular de 16 mm de espesor. Tamén se colocaron canalóns cadrados de aluminio lacado, con baixantes das mesmas características, para evacuar as augas pluviais.
Ademais, aplicouse un tratamento de protección para elementos de aceiro á estrutura metálica. Deste xeito garantirase o confort térmico interior e lograrase unha mellor acústica na instalación, que é utilizada tanto polo alumnado do centro como por veciños e veciñas do municipio.