A mostra inaugural, baixo o título ‘Narracións visuais’, pódese visitar ata finais de xaneiro e componse de obras realizadas por 12 alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso
O Concello da Coruña, a través do departamento de Xuventude, informa de que o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) inaugura no Fórum Metropolitano a sala de exposicións Plataforma14, que ten como principal obxectivo visibilizarproxectos creados por mozos.
A nova sala municipal arranca a súa actividade coa exposiciónNarracións visuais, composta por obras de 12 alumnos e alumnas da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e que se poderá ver ata finais de xaneiro do próximo ano.
O Centro Municipal de Información Xuvenil abre a sala de exposicións Plataforma14 co fin crear un espazo vinculado á creación artística, cedéndoa aos mozos e colectivos do ámbito xuvenil, así como a centros educativos e entidades vinculadas coa arte emerxente. Nesta sala, situada no edificio Fórum Metropolitano, expoñeranse proxectos artísticos pertencentes, en sentido amplo, ao ámbito das artes visuais, como debuxo, escultura, instalacións artísticas, fotografía, ilustracións,perfomances, pintura ou videoarte. A cesión da sala será gratuíta e está dotada de iluminación, sistemas de suxeición e soportes axeitados para a exposición de artes plásticas e/ou arte multimedia.
A exposición inaugural Narracións visuais presenta unha selección de obras do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso realizadas en distintas técnicas e formatos. Esta exposición é un compendio de historias narradas cos recursos e os procedementos propios das distintas disciplinas artísticas, percorrendo temáticas como a historia da cidade, transparencias e reflexos, as leccións da natureza ou os universos femininos.
Toda a información sobre este novo espazo se poderá obter no Centro Municipal de Información Xuvenil situado no Fórum Metropolitano, chamando o 981 18 42 94, ou na páxina webwww.coruna.es/nex.