Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura acolle a exposición de fotografía “Somos Lousame”, con 88 imaxes de paisaxes e veciños/as do municipio


A sala de exposicións da Casa da Cultura Santeiros de Chave acolle a mostra de fotografía “Somos Lousame”, que reúne un total de 88 imaxes de paisaxes e veciños e veciñas do municipio. Unha exposición que se poderá visitar ata o vindeiro 16 de setembro.

“Somos Lousame” é unha iniciativa participativa posta en marcha polo Concello de Lousame e desenvolta pola empresa GT Comunicación que ten como obxectivo reforzar o sentimento de orgullo e pertenza ao municipio, ao tempo que proxecta Lousame cara o exterior como un destino que ten moito que ofrecer no ámbito turístico, deportivo e de lecer. Durante o último ano, “Somos Lousame” ten realizado este labor a través das redes sociais Instagram e Twitter, mesturando imaxes de lugares con encanto de Lousame con entrevistas a veciños e veciñas do municipio.

Unhas fotografías que agora conforman esta exposición, que se poderá visitar na sala de exposicións de Lousame ata o 16 de setembro. Unha sala que recolle as imaxes de paisaxes e patrimonio cultural do municipio, así como un gran mural coas imaxes de todos os veciños e veciñas entrevistados neste último ano, con pequenos textos nos que manifestan o seu orgullo de vivir en Lousame. Unha selección na que se inclúen dende persoas coñecidas (como figuras destacadas do Deporte, como Pilar Barreiro, Brais Mirón ou Marcos Mayo) a todo tipo de veciños e veciñas do municipio (emprendedores/as, artistas, mestres/as…), especialmente os de máis idade.