Friday 22 de November de 2024

O Concello requírelle a Albada a retirada urxente de preto de 12.000 toneladas de rexeitos acumulados en Nostián


 

A concelleira Esther Fontán, sinala que, ante a inoperatividade da UTE, vense na obriga de actuar pola situación de grave risco creada

O Concello vén de notificarlle á UTE Albada un requerimento no que se lle solicita por vía telemática e en persoa a retirada de rexeitos acumulados desde abril na planta de Nostián no prazo de tres días naturais, tarefa que lle corresponde no contrato de concesión asinado e que se ratifica nunha sentenza de marzo de 2018. Pasado este período, se Albada non xestiona correctamente as preto de 12.000 toneladas que se calculan que hai de residuos de proceso e de afino, o Goberno local procederá a súa execución forzosa co obxectivo de liberar o espazo.

Desde o inicio do mandato, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, recordou que levan “facendo un seguimento claro e practicamente diario, de dúas veces por semana, para saber en que condicións se atopaban os rexeitos”, pero que ante a inoperatividade de Albada e tras a situación de grave risco creada, vense na obriga de actuar. A edila sinalou que desde a prohibición desde a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental do depósito de rexeitos do Concello da Coruña no vertedoiro de Grixoa (Santiago de Compostela), “a acumulación dos mesmos medrou nas viais e en toda a planta de Nostián. A nosa preocupación foi e segue sendo enorme ao respecto do acopio”.

A concellería estivo neste período en contacto permanente coa empresa a través de comunicados, “o de hoxe é o terceiro requerimento que se lles fai coa diferenza de que este é para que cumpran coas súas obrigas, pero vén aparellado a unha advertencia de execución subsidiaria dos rexeitos”, e a nivel persoal, “con conversas

fluídas e cordiais” en busca dun apoio mutuo. Para tomar esta decisión, o Concello tivo en conta o último informe técnico, no que se estima que hai entre 10.000 e
12.000 toneladas de rexeitos, que se están acumulando xa nas vías de accesos aos antigos vasos da planta, imposibilitando practicamente o tránsito, o que supón un grave risco para a seguridade das traballadoras e traballadores, que “para nós é unha prioridade”. A circulación de persoas a pé e en vehículos polas instalacións implica un gran problema e unha gran dificultade, segundo Fontán, que engadiu que tamén é prioritario a calidade medioambiental da Coruña: “Debémonos á cidade, á que lle temos que dar unha resposta para que o seu aire e as súas condicións de salubridade sexan as idóneas”.

No último percorrido feito polo persoal experto, fíxose unha revisión sobre o cumprimento de medidas adoptadas para evitar incendios por mor da acumulación de rexeitos á intemperie, a aparición de roedores e de larvas na nave de compostaxe ou que o “lixiviado” fose a parar á rede de saneamento, así como a posta en escena dun protocolo para a realización de tarefas nesta instalación.

A concelleira lembrou que neste mes e medio mantiveron encontros con outras administracións como a Xunta, coa reunión en xullo entre a alcaldesa Inés Rey e o presidente Alberto Núñez Feijóo.

Por outra parte, confía en que a resposta será positiva por parte da empresa a favor da cidadanía. No escrito que se lles remitiu, o equipo municipal esíxelle tamén que se lles dé saída aos rexeitos que se están a acumular a diario, procedentes do Concello, para que non se produzan novos acopios nas instalacións. En concreto, reclámalle á UTE que retire diariamente do acopio de proceso e afino amoreado un mínimo de entre 135 e 150 toneladas de acordo coas estimacións feitas polos técnicos municipais de residuos, que prevén que cunha franxa de entre 24 e 26 camións diarios (de luns a venres) se pode eliminar todo o rexeito amontoado, xestionando á vez o que se xera pola operativa normal da planta, nun prazo máximo de catro meses.

Por iso, Medio Ambiente solicita á empresa un informe diario relativo ao control do movementos de saída da planta, no que terán que distinguir entre Consorcio e Concello, especificando, para este último, as toneladas correspondentes á xestión diaria e as do stock acumulado.

O Goberno local actuará de xeito forzoso en caso de que non cumpran as ordes dadas nos prazos sinalados, seguindo a lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, podendo acudir ao amparo do artigo 102 do mesmo texto legal, á execución subsidiaria a costa do concesionario. En caso non recibir resposta por parte de Albada, o Concello solicitou xa tres orzamentos -a Sogama e dous vertedoiros privados- para xestionar os rexeitos e estase barallando a mellor oferta, non so a económica senón a que dea maiores garantías sobre a saída diaria de rexeitos da planta de Nostián, unha vez que o acopio se elimine.