O Concello de Noia, en colaboración con Zumba Noia, organizan este domingo 1 de setembro, ás 20:30 horas, unha master class de zumba na alameda de Noia. Un evento que foi presentado esta mañá polas concelleiras de Deportes, Laura Salgado, e Ensino, Mariola López Cierto, canda Luís González Blanco, un dos instrutores que participarán na xornada.
A sesión terá unha duración aproximada de hora e media e nela participarán os monitores de zumba Luís González e Luísa Arufe Salazar, así como o mediático Seluco Fernández, galego afincado en Castellón e coñecido polas súas colaboracións en TVE. Fernández é monitor titulado de zumba, zumba toning, aqua zumba e, zumba kids + kids jr.
“Convidamos a todos os veciños e veciñas a que se acheguen o domingo pola Alameda a desfrutar dunha actividade deportiva e saudable que de seguro lles vai gustar moito”, apuntou a concelleira de Deportes. Para participar na clase non é preciso ningún tipo de inscrición nin pago, simplemente acudir ás 20:30 horas á Alameda noiesa cunha roupa e calzado axeitados para a practica desta modalidade deportiva.