Saturday 23 de November de 2024

A Deputación da Coruña inviste máis de 720.000 euros no mantemento de 82 empregos en pemes da provincia creados co PEL


O investimento apoia o mantemento de empregos indefinidos en pemes de municipios de menos de 20.000 habitantes.

82 empresas da provincia manterán na súa plantilla aos traballadores contratados coas axudas do PEL o ano pasado

A Deputación da Coruña inviste máis de 720.000 euros no mantemento de 82 empregos en pemes da provincia creados co PEL
A Deputación da Coruña ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia as 82 pemes beneficiarias das axudas para o mantemento da contratación integrada dentro da liña Pel-Pemes Mantemento do Plan de Emprego Local (PEL) para apoiar o mantemento do emprego de calidade na provincia.

Trátase dun ambicioso esforzo inversor de máis de 720.000 € nun programa que ten como principal obxectivo apoiar ao tecido empresarial para o mantemento da contratación laboral indefinida de 82 persoas contratadas na anterior convocatoria do PEL-PEMES 2018.

A través deste liña xa consolidada para pemes, o PEL permitirá o mantemento da contratación indefinida de 82 traballadores, posibilitando a cada empresa beneficiaria o mantemento dun traballador/a por un período de 12 meses, financiando o programa o 50% dos custos salariais totais da persoa traballador a, cun importe máximo de 11.000 euros.

“Trátase dunha aposta pola estabilidade no emprego”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que lembrou que por segundo ano consecutivo as empresas dispoñen dunha liña específica de axudas para manter no seu cadro de persoal aos traballadores contratados na anterior convocatoria.

“Con esta liña, 82 persoas que o ano pasado atoparon emprego en empresas do sector privado grazas ao PEL da Deputación poderán seguir traballando”, afirmou o presidente, que sotivo que o obxectivo é conseguir que as contratacións do PEL non se limiten a periodos de un ano e fomenten emprego “estable e de calidade”.

Concellos e comarcas beneficiarias

Pódense destacar coma concellos cun maior número de solicitudes presentadas e concedidas os seguintes: Santa Comba (11), Mazaricos (10), As Pontes de García Rodríguez (6) e Trazo (6).

Analizando os datos do número de solicitudes presentadas e concedidas por comarcas as máis representadas son a de Xallas (21 concedidas para un total de 180.401,92 €), Ordes (13 concedidas para un total de 108.986,61€), Eume (11 concedidas para un total de 95.185,36 € ) e Terra de Soneira ( 6 concedidas para un total de 55.500,00 €).

Atendendo ao tipo de negocio a maioría dos beneficiarios son microempresas (60,97%)e empresarios individuais ou autónomos (26, 83%). A porcentaxe restante, o 12,20% das solicitudes concedidas corresponde a pequenas e medianas empresas (de 11 a 50 traballadores).

Por sectores produtivos, a distribución é dun 51% do sector terciario, case o 26% do sector primario, preto do 20% do sector secundario e o 3% de carácter multisectorial. Dentro destes sectores produtivos destacan dentro do primario o sector gandeiro (18%), dentro do sector secundario, o de construción e reformas (9%) e dentro do terciario, o do comercio (8%) e hostalería e turismo (7%).

Trala comprobación do cumprimento dos requisitos indicados nas bases da axuda das 100 solicitudes presentadas 82 foron propostas para recibir a axuda. Ao ter previsto esta convocatoria un orzamento superior ao importe total solicitado polas empresas realizouse a concesión directa da axuda aos 82 solicitantes que cumprían todos os requisitos.