Friday 22 de November de 2024

A Deputación remata a primeira fase da estrada Ares-Chanteiro e comezarán en setembro as expropiacións para mellorar a seguridade no último quilómetro do vial


Valentín González Formoso e Julio Iglesias visitaron a zona acompañados por representantes da Asociación de Veciños de Chanteiro e destacaron “a importante mellora na seguridade para os condutores e os peóns” que supuxeron as obras nunha estrada que se ancheou de 5 a 7 metros e á que se dotou dunha senda

Formoso visitou tamén a estrada 0401, onde a Deputación investirá 624.100 na construción doutra senda de 3,25 km para mellorar a seguridade peonil na zona que dá acceso a Redes e ás praias

O presidente anuncia que a Deputación citará os días 10 e 11 de setembro aos propietarios de terreos lindeiros para iniciar os procesos de expropiación de ambas as dúas obras

A Deputación remata a primeira fase da estrada Ares-Chanteiro e comezarán en setembro as expropiacións para mellorar a seguridade no último quilómetro do vial
A Deputación da Coruña rematou as obras de ampliación, mellora do trazado e da seguridade viaria nos primeiros 3,6 quilómetros da estrada DP 0402 Ares-Chanteiro, que supuxeron un investimento de 800.000 euros, e avanza nos trámites de expropiación para a segunda fase dos traballos, que permitirán dar continuidade ás obras actuais no último quilómetro do viario, que vai dende o PK 3+620 ao 4+650, cun orzamento de 678.951,73 euros.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, acompañados de membros da directiva da Asociación de Veciños de Chanteiro, visitaron hoxe a zona e destacaron “a importante mellora na seguridade para os condutores e os peóns” que supuxeron as obras nunha estrada que se ancheou de 5 a 7 metros e á que se dotou ademais dunha senda peonil que garante que os veciños poidan desprazarse con total seguridade pola marxe da estrada.

Estes días estanse ultimando os últimos detalles da obra, que incluirán a instalación de sinais e biondas de seguridade nalgúns tramos, a pavimentación das rotondas e o recrecido dos pozos de rexistro. O Concello de Ares será o encargado de instalar o novo alumeado público, cuxa canalización quedou xa habilitada.

As obras contribuíron ademais a mellorar dúas interseccións coa construción de dúas novas glorietas nos cruces de Cervás e do camiño veciñal que se atopa ao final do tramo ampliado, no PK 3+600, en Chanteiro, que ademais axudan a que non se excedan os límites de velocidade.

“Estamos moi satisfeitos co resultado final da obra, a pesar das dificultades e atrasos que tivo. Trátase dunha obra moi demandada pola veciñanza que por fin ve a luz”, afirmou o presidente.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu o importante apoio da Deputación para mellorar esta estrada “un tramo de 4 quilómetros no que nin sequera estaba pintada a liña da estrada porque non daba o ancho. Agora temos unha estrada máis segura para os coches e para os peóns”:

Inicio das expropiacións en setembro

Valentín González Formoso, que o pasado mes de febreiro comprometera cos veciños da zona acometer a segunda fase do proxecto, anunciou aos representantes da entidade veciñal que o servizo de Vías e Obras da Deputación avanza actualmente nos trámites de expropiación necesarios para acometer as obras, que suporán a ampliación da plataforma do último quilómetro da estrada ata os 7 metros de ancho, a construción de beirarrúas e a habilitación de zonas de estacionamento de vehículos en determinadas zonas, igualando así as condicións do tramo xa ampliado en toda a lonxitude do vial.

Neste sentido, o presidente anunciou que BOP publicará mañá mércores, 21 agosto, o anuncio do levantamento de actas previas para os terreos afectados por esta obra e pola senda peonil que a Deputación construirá na estrada que vai a Redes.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos da segunda fase das obras de ampliación da estrada Ares-Chanteiro serán citados o día 11 de setembro, mentres que os da DP 0401 Ares-Redes serán citados o día 10 para comezar o proceso de expropiación.

Senda na estrada de Ares a Redes

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Ares visitaron tamén a estrada DP 0401 de Ares a Redes, onde a institución provincial financiará con 624.100 euros a construción dunha senda de 3,25 quilómetros de lonxitude e dous metros de ancho para mellorar a seguridade dos peóns nunha zona moi transitada polos camiñantes, especialmente durante os meses de verán.

Segundo explicou González Formoso, o proxecto está actualmente en fase de expropiacións, que se fixan en 30.849,52 euros para os 2.215 metros cadrados afectados.

As obras suporán unha mellora significativa da seguridade na zona, cumprindo así unha antiga demanda nun vial que dá acceso ao núcleo de Redes e ás praias e que na actualidade non conta cun paso seguro para peóns.