Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre o prazo de inscrición para unha viaxe cultural ao Cebreiro, Castrillo de los Polvazares e Astorga


A excursión será o 28 de setembro e ten un prezo de 23€ por persoa

 

Os departamentos municipais de Medio Ambiente e Cultura teñen aberto o prazo de inscrición para a viaxe que organizan o sábado 28 de setembro con paradas no Cebreiro, Castrillo de los Polvazares e Astorga. Trátase dunha excursión para ver eses lugares e, principalmente, para apreciar de que maneira converteron o turismo nunha parte fundamental da súa economía. A expedición partirá ás 8.30h. de diante da Casa do Concello e estará de volta sobre as 22.00h. Para apuntarse hai que pasar polas oficinas municipais ou chamar ao 981 490 027 antes do 23 de setembro. O prezo son 23€, incluido o xantar.

O itinerario que se seguirá prevé unha primeira parada en Pedrafita do Cebreiro para almorzar -ou tomar un segundo café quen xa almorzase- e, de paso, dar unha volta por este enclave, caracterizado polas súas pallozas e pola igrexa prerrománica, un dos puntos de referencia do Camiño de Santiago. Segundo se cre, neste templo do século IX gárdase a copa da derradeira cea de Xesús Cristo, o mítico Santo Graal no que, ademais, Xosé de Arimatea tería recollido o seu sangue ao pé da cruz.

Desde o Cebreiro o autobús continuará ruta con destino a Astorga, aínda que se deterá uns quilómetros antes. Concretamente na vila de Castrillo de los Polvazares. Trátase dunha localidade de tradición comercial, xa que a maioría dos seus habitantes eran os afamados arrieiros maragatos que distribuían viños, peixes e outros bens por toda a metade norte da península. Traían a Galicia embutidos, queixos curados e produtos de secaño e, cando volvían, levaban peixe seco ou en salmoeira e manufacturas. Ata tal punto era importante esta actividade que todo o pobo -reconstruído nese lugar por volta do século XVI tras quedar arrasado por unhas riadas- se configurou para facilitar o movemento de mercadorías en carro, con grandes portas nas casas e rúas anchas.

Os ecos dos carros apagáronse a mediados do século XIX coa chegada do ferrocarril, pero hoxe Castrillo de los Polvazares aproveita o seu pasado cultural, arquitectónico e gastronómico -aquí disque se fai o mellor cocido maragato- para satisfacer as expectativas e as demandas do turismo.

Tras dar unha volta polo lugar, a viaxe proseguirá até Astorga, situada a escasos 6 quilómetros de Castrillo. O primeiro que se fará alí será xantar, precisamente, un gorentoso cocido maragato. Servirase no restaurante Las Termas, a poucos metros da catedral e do impresionante Pazo Episcopal deseñado por Antonio Gaudí. Estes monumentos serán só dúas das posibilidades que ofrece para ver o casco histórico da cidade durante o tempo libre que haberá trala sobremesa. Quen se apunte á excursión poderá andar ao seu aire para facer compras ou desfrutar da arquitectura e dos museos -o Museo Romano, o Museo do Tempo…-, aínda que a media tarde hai concertada unha visita ao Museo do Chocolate, un dos que máis visitas acolle. Alí hai unha grande colección de utensilios, maquinaria e publicidade relacionada co mundo do cacao, que aínda se segue procesando en Astorga -onde chegou a haber 50 fábricas- e vendendo no propio museo.

Á saída desta visita emprenderase o camiño de volta a San Sadurniño, a onde se conta chegar sobre as 21.30 ou 22.00h., despois de facer unha pequena parada de descanso pola metade do traxecto.

Para participar nesta interesante viaxe dun día hai que irse anotando xa, posto que as prazas están limitadas á capacidade do autobús. A maneira de facelo é chamando ao 981 490 027 ou pasando polo rexistro municipal. O último día é o 23 de setembro. Ah, a aventura -xantar incluido- ten un prezo de 23€ por persoa.

Xuntanza de Lamas, a Valença
E xusto unha semana antes, o sábado 21 de setembro, a Asociación Xuntanza de Lamas organiza tamén outra interesante viaxe, neste caso con destino a Valença do Minho, Tui, A Guarda e Santa Trega.

O prezo para persoas socias son 40€ e 45€ para non socias, entrando no prezo o xantar -bacalhau- e guía de ruta. A saída está posta para as 7 da mañá de diante de Casa Castrillón, no Chao de Lamas. O prazo para apuntarse finaliza o 15 de setembro a través dos teléfonos 664 203 738 e 618 838 760.