Comezamos a derradeira semana de agosto coa mirada posta en todo canto vai ocorrer en San Sadurniño durante a finde, capitalizada pola XI Feira Rural do sábado e o Sons na Cortiña do domingo. Porén, hai moito máis: o arranque dunha exposición etnográfica na Casa do Concello, o trofeo municipal de fútbol, as festas do San Roque en Naraío e a marcha verde contra o cancro promovida pola Asociación Brío e maila AECC. Moito que facer e moito ao que atender ás portas dunha primeira semana de setembro na que, ademais, tamén teremos unha cita co cine made in San Sadurniño do VI Chanfaina Lab. Collede lapis e papel porque hai moito que anotar.
Esta semana de non parar empeza este martes 27 coa apertura da exposición “O rural, tarefas e lembranzas” organizada pola área de Cultura. A galería e mailo patio interior da Casa do Concello encheranse con todo tipo de tarecos antigos relacionados co agro: arados, caínzos, picañas, peneiras… e así ata medio cento de apeiros, protagonistas dunha realidade vivida nas nosas parroquias que, ademais, se ilustrará con fotografías en branco e negro a xeito de recordatorio das tarefas que se desenvolvían noutro tempo.
A mostra permanecerá aberta até o 9 de setembro e, a diferenza doutras exposicións, con horarios ampliados: de luns a venres de 10 a 20.00h. e os sábados e domingos de 10 a 14.00h.
A exposición será o complemento perfecto da XI Feira Rural, que ten aberto até o mércores o prazo de solicitude de espazos. A relación de postos admitidos publicarase o xoves e desde o departamento de Desenvolvemento Local agárdase superar a cifra do ano pasado tanto en expositores como en visitantes.
O evento volverá reivindicar o valor estratéxico do sector primario e as posibilidades de desenvolvemento sustentable do ámbito rural. Comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado no arboreto galego da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos habituais de alimentación, planta, artesanía, maquinaria e segunda man, aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao Colmear didáctico, exhibicións de cetraría, catas, o sorteo de lotes de produtos, paseos en canoa, exposicións relacionadas co sector primario e incluso un apartado centrado no coñecemento do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.
Outros dos atractivos da feira serán a mostra e o concurso de froita autóctona organizado en colaboración coa AGFA do Eume para premiar os mellores lotes recollidos na comarca e tamén o concurso monográfico da Raza Can de Palleiro que se desenvolverá durante a tarde.
O Sons máis solidario
A Feira Rural de San Sadurniño rematará sobre as 20.30h., pero a actividade no recinto continuará ao día seguinte, domingo 1 de setembro, coa celebración do 5º Sons na Cortiña, un festival de música e lecer ao pé do Xubia dirixido a público familiar.
O Sons empeza ao mediodía cunha exhibición de hip-hop da Asociación Cultural Brío e unha batukada a cargo da Asociación Concienciarte. Logo pausa para xantar -haberá paella e lacón a prezos populares- e pola tarde, de 15 a 18.00h., teremos xogos tradicionais, un obradoiro de circo e un circuíto de coches a radio control. Da parte musical ocuparanse a partir das 17.30h. Uxía Lambona e a Banda Molona e mailo grupo The Tetas Van.
Paralelamente, a Asociación Cultural Brío tamén convoca conxuntamente coa AECC unha marcha solidaria contra o cancro con saída ás 11.00h. da beira do Xubia. Farase un percorrido circular de 4 Km. Os prezos da participación son 5€ para maiores de 14 anos e 3€ para rapazada menor desa idade. As inscricións están abertas a través da web Rock the sport, pero tamén se poderán facer presencialmente desde as 9.30h. Pouco antes da saída as persoas participantes terán unha sesión de quecemento a base de zumba. Ao longo da mañá tamén se poderán mercar camisetas e outros detalles da campaña impulsada por Brío co lema “San Sadurniño en marcha”, na que colaboran numerosas firmas locais ademais do Concello de San Sadurniño.
San Roque e fútbol
Naraío celebra as súas festas grandes do verán algo máis tarde do habitual, posto que o San Roque cadraba sempre a mediados de mes. Porén, este ano os caprichos do calendario e o elevado número de eventos previstos en toda a volta nas datas centrais de agosto complicaron a organización do patrón e, por este motivo, a comisión de festas optou por levalo á última fin de semana de agosto/primeira de setembro.
Haberá tres días de troula: este venres á noite coa orquestra Tango e o trío D’Nika, o sábado animarán a cita a Orquesta Costa Oeste e o Dúo D’Ases e, por último, o domingo -só ao mediodía- ofrecerá a sesión vermú o Grupo Fusión. Tanto o sábado como o domingo haberá misa e procesión antes da función.
Desde hai máis de 25 anos é tradicional que o San Roque acolla o trofeo municipal de fútbol, unha cita que, ao igual que a festa, tamén se adiou para este venres 30 de agosto a partir das 19.00h. A UDC Narahío e mailo CF San Sadurniño disputarán o tradicional derbi local ás portas do arranque ligueiro. Partido de máxima rivalidade e emoción que, ao mesmo tempo, supón unha oportunidade de engraxar as escuadras dunha temporada que comeza o domingo día 1 con cita da Copa Ferrol para o Naraío (o Sansa descansa). O San Sadurniño tentará impoñerse ao xogo dos anfitrións, quen levan tres edicións consecutivas gardando o trofeo na súa vitrina.
E para a semana, máis. E é que o martes 3 comezan os obradoiros do VI Chanfaina Lab, que se prolongarán toda a semana con propostas como a montaxe audiovisual, videoxogos e animación 3D, APP’s para Android e fotografía 3D. As inscricións nestes talleres -que teñen prazas limitadas- hai que facelas a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono móbil 616 332 919.
Este ano o Chanfaina conta con máis dunha trintena de creadoras e creadores. Reuniranse o venres 6 de setembro á tardiña para sacar a foto de familia e para plantaren na Cortiña unha árbore conmemorativa desta sexta edición. Ese día ás 20.30h. poderemos asistir na Casa da Cultura á tradicional Eira de Cineastas -un pase público que escolma fragmentos ou curtas enteiras de cada participante- e o sábado proxectarase tamén ás 20.30h. o documental “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén.