Friday 22 de November de 2024

45 persoas participaron entre xullo e agosto no Verán en Acción do Concello de Moeche


 

O Concello ten en marcha desde principios de xullo o programa Verán en Acción, no que se combina o lecer co exercicio físico con actividades para todas as idades e aproveitando no posible as instalacións municipais dispoñibles, como por exemplo a piscina, as pistas de tenis de Trieiro ou incluso o parque biosaudable que hai ao pé da casa consistorial. Malia sermos un concello pequeno, este ano apuntáronse nas distintas propostas un total de 45 persoas, entre rapazada e persoas -maiormente mulleres- que xa levan tempo xubiladas. O programa rematará a finais deste mes, setembro será de descanso e en outubro reiniciarán temporada as escolas municipais.

Tal e como explica o técnico municipal de Deportes, Daniel Feijoo, o Verán en Acción “é un programa destinado á actividade física ao aire libre” que se desenvolve en distintos espazos e tamén con oferta variada. “Na piscina temos clases de natación e acuagym, en Abade hai tenis e no parque biosaudable temos a ximnasia para as persoas maiores de 50 anos”, comenta.

Feijoo destaca a “boa inscrición” rexistrada este ano nas actividades, con 12 persoas nas sesións de exercicio que se desenvolven nos arredores da Casa do Concello, outras tantas nas clases de tenis infantil, 17 nos cursos de natación dirixidos á rapazada e 4 persoas que participaron durante xullo nas sesións acuáticas para maiores.

Todas estas propostas teñen un obxectivo dobre: por unha banda facer exercicio e seguir promovendo desde o Concello os hábitos saudables e, por outro lado, servir de punto de encontro no que se reforcen as relacións entre a veciñanza. Isto último nótase especialmente coas participantes de maior idade. “Elas con xuntarse e moverse xa cumpren as súas expectativas” explica Daniel Feijoo.

Porén, o técnico esíxelles máis que iso cun completo programa onde o exercicio sempre se vincula con xogos -o pimpón, o bádminton, as máquinas, etc.- “para mellorar a resistencia, a coordinación e a forza, que é algo que a xente maior necesita traballar”. Ademais, o Verán en Acción é tamén unha escusa para non perder ritmo durante as vacacións e enganchar a nova temporada de ximnasia na mellor forma posible.

A natación, a “ginasia” e o tenis finalizan a semana que vén. En setembro abrirá o prazo de matrícula en todas as escolas anuais, que se desenvolven desde outubro ata finais de xuño. E en xullo de 2020, outra vez Verán en Acción.