Saturday 16 de November de 2024

Turismo convida a tripulación do veleiro brasileiro “Cisne Branco” a participar na regata Tall Ships Races


 

Os altos mandos do buque da Armada do país suramericano, que fará escala ata o domingo na cidade, foron recibidos pola concelleira Diana Cabanas e a xerenta Lanzada Calatayud no Concello, onde intercambiaron agasallos

A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, e a xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, recibiron esta mañá na Alcaldía os altos mandos do veleiro escola “Cisne Branco” da Armada do Brasil, nun encontro en que se lles entregou unha métopa co escudo da cidade e en que a tripulación lles correspondeu cunha publicación sobre a armada brasileira, que doarán, segundo eles mesmos pediron, a unha biblioteca pública para que as coruñesas e os coruñeses coñezan máis sobre o seu país e o labor que desenvolve este corpo.

No acto, a edila convidounos a participaren na próxima regata Tall Ships Races International Limited, que fará escala na cidade do 24 ao 27 de xullo de 2020. Pola súa parte, confirmaron que xa suxeriron a asistencia ao evento na Armada, xa que supón unha oportunidade excelente de cara a divulgar Brasil e mais o traballo da institución. Trátase da primeira vez que o “Cisne Branco” arriba no porto coruñés desde que está operativo no 2000. Os 66 tripulantes do buque gozarán dunha estadía na cidade ata o domingo.