Friday 22 de November de 2024

As obras no CEIP Felipe de Castro avanzan a bo ritmo e estarán rematadas antes do inicio do curso escolar


O alcalde, Santiago Freire, e a concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, fixeron un seguimento das obras
O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, veñen de realizar unha visita ao CEIP Felipe de Castro, onde puideron comprobar a boa marcha das obras de rehabilitación enerxética que se están a realizar no centro escolar e que supoñen un investimento de preto de 671.000 euros por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Santiago Freire destaca que “as obras marchan a bo ritmo polo que, se non sucede algún imprevisto, pensamos que o groso dos traballos estarán rematados antes do inicio do curso escolar, tal e como estaba inicialmente previsto para evitar molestias aos alumnos e alumnas do CEIP Felipe de Castro”. Neste sentido, o alcalde noiés indica que “pode que resten algunhas tarefas menores no exterior, pero que en ningún caso incidirían no normal desenvolvemento da actividade académica”, polo que reitera o seu agradecemento á Consellería de Educación pola execución destes traballos.
As obras no CEIP Felipe de Castro inclúen a substitución do actual material de cuberta do CEIP por outro de panel tipo sandwich de dobre chapa de aceiro galvanizado con illante intermedio e acabado lacado, especial na cara exterior; o illamento da fachada exterior mediante sistema SATE, e o illamento do teito da planta superior de separación co espazo baixo cuberta.
Así mesmo tamén se substitúe a actual carpintería das ventás e portas exteriores por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética de tecnoloxía led que adaptan a súa intensidade á entrada de luz natural para garantir un nivel de iluminación óptimo e constante no interior da aula.
Finalmente procederase á eliminación dos antigos armarios de obra que existían en algunhas aulas co fin de ganar superficie e mellorar a funcionalidade das mesmas, ao pulido e abrillantado do pavimento de terrazo, e á reparación e pintado de paramentos interiores segundo o estudo cromático realizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para este tipo de obras.