Saturday 16 de November de 2024

O titular da Xunta presidiu a cerimonia de graduación da promoción de alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe aos graduados do Centro Superior de Hostalería de Galicia a seguir contribuíndo á calidade e hospitalidade que caracteriza a nosa comunidade.

Durante a cerimonia de graduación da promoción de alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia e o acto de entrega de premios aos mellores proxectos de viabilidade empresarial da USC-CSHG, Feijóo destacou o nivel dun “centro punteiro”, distinguido polo nivel sobresaínte dos seus graduados e que leva o emblema da calidade polo mundo.

O titular do Goberno galego trasladou os parabéns aos 157 graduados “polo empuxe, entusiasmo e determinación”. “Agora sodes os grandes delegados de Galicia e o futuro dunha das grandes industrias e economías de Galicia e de España”, aseverou

Feijóo incidiu en que a paisaxe, as actividades que se ofrecen, as instalacións turísticas e, por suposto, a formación dos seus profesionais fan que a nosa comunidade sexa sinónimo de calidade, e afirmou que as 12 Estrelas Michelín, os 37 Soles Repsol e as 51 Q de Calidade “acreditan que estamos ascendendo nos postos nacionais e internacionais”.

Feijóo concluíu lembrando os bos datos do turismo no tocante aos visitantes estranxeiros e salientou que a enogastronomía é o segundo motivo polo que os viaxeiros escollen Galicia.