O Concello de Noia realizou esta mañá unha homenaxe a Jesús Veiga, Adrián Salanova e Isaac Blanco, tres taekwondistas do Club Maniotas que lograron dúas medallas de prata e unha medalla de bronce nos Campionatos de España Cadete, Junior e Sub-21 de Taekwondo celebrados en Valladolid e nos que tomaron parte máis dun milleiro de deportistas.
Aproveitando a exhibición que o Club Maniotas realizou esta mañá na Alameda co gallo das Festas de San Bartolomeu, a concelleira de Deportes, Laura Salgado, fíxolles entrega dunha pulseira conmemorativa a Jesús Veiga (subcampión de España Sub-21), Adrián Salanova (subcampión de España Cadete) e Isaac Blanco (medalla de bronce junior).
Salgado destacou o gran nivel que está amosando o taekwondo noiés nas distintas competicións, salientando especialmente a actuación realizada no campionato nacional pois “estamos falando de que Noia conta con dous subcampións de España e un terceiro posto, o que demostra que se está a facer un gran traballo tanto por parte dos rapaces e rapazas como por parte dos seus adestradores”.