Saturday 16 de November de 2024

A Consellería de Cultura e turismo apoia con 79.000 euros sete proxectos de mellora en aloxamentos turísticos da área do Barbanza


As achegas, que se enmarcan no Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, poden supoñer para os promotores entre o 30 e o 35 por cento do investimento subvencionable

A Consellería de Cultura e Turismo resolveu as axudas dirixidas a establecementos turísticos de aloxamento para realizar actuacións de mellora e modernización de infraestruturas, que na área do Barbanza suman un investimento de máis de 79.000 euros para incentivar sete proxectos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou que esta orde beneficiará a negocios situados nos concellos de Outes, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son, Outes, Rianxo e Muros. As axudas, que van dende os 5.000 ata os 18.000 euros, destínanse á mellora de hoteis, establecementos de turismo rural, pensións e apartamentos turísticos. No total da provincia da Coruña, a Consellería de Cultura e Turismo inviste nesta orde de axudas un total de 531.000 euros para melloras en 43 establecementos.

As achegas, que se enmarcan no Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos que impulsa a Consellería de Cultura e Turismo, poden supoñer para os promotores entre o 30 e o 35 por cento do investimento subvencionable, ata un máximo de 35.000 euros. A través desta orde de axudas, que se convocan en concorrencia competitiva, a Xunta apoia accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.

Os destinatarios das subvencións son establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector. Estes apoios pretenden estimular a incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade nas instalacións e a renovación das infraestruturas de cara á modernización e á prestación dos servizos cos maiores estándares de calidade.