Saturday 16 de November de 2024

Igualdade titoriza e asesora a unha vintena de emprendedoras galegas na posta en marcha das súas iniciativas empresariais


Susana López Abella participou nunha xornada informativa sobre a axuda dual do programa Emega, na que colaboran Igualdade e o Programa Woman Emprende

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá nunha xornada informativa sobre a axuda dual do programa Emega, destinada a asesorar ás emprendedoras galegas na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

A xornada é froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Programa Uniemprende, Woman Emprende, da Universidade de Santiago de Compostela e esta destinada ao acompañamento personalizado de cada un dos 21 proxectos beneficiarios coa axuda dual.

Na convocatoria do Programa Emega 2014 incorporouse esta nova axuda, que consiste nunha dotación de 500 euros para aquelas promotoras que reciban subvención por calquera das outras liñas -Emprende, Innova, Activa, ITEF e Concilia- e que se comprometan a participar e completar o programa de titorización que promove Igualdade.

O obxectivo desta titoría é poder asesorar e acompañar ás emprendedoras en todas as temáticas que demanden de cara a conseguir a pervivencia da empresa no tempo e facer da axuda percibida un valor engadido para o funcionamento e a viabilidade da súa empresa.

Potenciando o emprego feminino
A semana pasada o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución das axudas do Programa Emega 2014, que este ano beneficia a 41 iniciativas empresariais lideradas por mulleres cun importe de 667.500 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

O obxectivo deste programa é potenciar o emprendemento feminino para que as mulleres se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais a través de diferentes liñas de actuación.

A liña Emprende estimula a creación de empresas por parte de mulleres; Innova finanza iniciativas de innovación en proxectos empresariais; Activa trata de reactivar e consolidar os proxectos que debido a crise sofren dificultades de mantemento e ITEF potencia os proxectos de contido científico ou base tecnolóxica.

Pola sua banda, a Liña Concilia promove programas de apoio á conciliación da vida laboral coa persoal e familiar e a nova liña Dual -a que ocupa a xornada de hoxe- oferta unha axuda para a titorización, asesoramento e acompañamento dos proxectos subvencionados co fin reforzar as expectativas de pervivencia no tempo.

Entre as iniciativas beneficiadas este ano atópanse negocios relacionados coa consultaría tecnolóxica, formación, hostalería, comercios, servizos de enxeñería, servizos sociosanitarios a domicilio, fabricación de cosmética ecolóxica ou fabricación de pizarras de vidro magnético, entre outras actividades.

Estas iniciativas empresarias femininas cumpren co requisito imprescindible de crear ou manter emprego feminino por conta propia e allea e este ano as 41 iniciativas empresarias subvencionadas suporán 83 novos postos de traballo feminino.

Formación e asesoramento
A Xunta considera necesario levar a cabo actuacións de asesoramento, formación e apoio ás mulleres emprendedoras para axudalas na posta en marcha e modernización das súas empresas para fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual.

Con ese obxectivo, desde o ano 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade leva investidos no Programa Emega ao redor de 3,8 millóns de euros, o que permitiu crear preto de 500 postos de traballo feminino en Galicia.