Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente estuda alternativas “non tóxicas” para a supresión das malas herbas nas rúas da cidade


Esther Fontán, asegura que non se utiliza ningún produto tóxico para erradicar as herbas e tamén que se descartou o uso do ácido acético

A titular da concellería de Medio Ambiente, Esther Fontán, asegurou que está estudando novas medidas para eliminar as malas herbas na cidade ante as queixas da veciñanza. Fontán reitera que non se está a utilizar glifosato, nin ningún outro produto tóxico para eliminar as herbas das beirarrúas e vías da cidade. “Non se utiliza glifosato nin nos xardíns, nin nos parques, nin nas beirarrúas da cidade”, insiste a concelleira.

O sistema empregado actualmente, baseado no uso do vinagre, non garante a erradicación destas herbas nas vías públicas e beirarrúas, segundo os técnicos de Medio Ambiente. Descartouse polo tanto o uso do ácido acético como alternativa aos herbicidas para erradicar a vexetación que medra indiscriminadamente pola cidade por consideralo “totalmente ineficaz” e por contribuír ademáis a acidificación do solo.

Fontán mantivo contactos con expertos en química, bioloxía e mesmo enxeñería agraria co fin de atopar unha solución que combine a máxima efectividade co mínimo impacto no medio natural e nas persoas.

“Desde esta concellería estase entrando en contacto con diferentes empresas que utilizan sistemas baseados en fontes de calor e produtos biodegradables co fin de realizar demostracións destas técnicas sobre o terreo”. Por outra banda, desde a concellería trasladan unha mensaxe de tranquilidade aos cidadáns asegurando que “non se utilizará ningún método daniño para a saúde dos veciños e veciñas, nin para o medio ambiente”.