Saturday 16 de November de 2024

A Romaría de Santa Margarida daralle visibilidade á música e ao baile tradicional galegos


O parque ofrecerá este domingo unha xornada de gastronomía popular e actuacións das distintas entidades da cidade cun programa deseñado de forma conxunta entre elas e o Concello

A Romaría de Santa Margarida pechará as festas de María Pita cunha xornada o domingo que lle dará visibilidade á música e ao baile tradicional galegos e que comezará ás 12.00 h coa actuación da Banda Municipal. Pola tarde, Cascarillarte ofreceralles ás crianzas a posta en escena do Mago Antón, que presentará ás 18.00 horas o seu espectáculo “Labirinto de ilusións”, no exterior da Casa das Ciencias.

O programa, que se perfilou entre as entidades tradicionais e o Concello, continuará no anfiteatro, ás 19.30 horas, coa presenza da Asociación Cultural Son D’Aquí, que dará paso, ás 20.25 h, á Agrupación Folclórica Aturuxo. A continuación actuarán, a partir das 21.20 horas, a Asociación Cultural Donaire e a Banda das Crechas, que serán as últimas en saír, ás 22.30 horas. O parque será de novo un encontro coa empanada e demais exquisiteces gastronómicas da terra que se poderán mercar nos postos e conformarán o menú dos que se acheguen ata o pulmón verde da cidade durante todo o día.

Santa Margarida volverá así a poñer o broche festivo das festas de agosto cunha romaría popular que rematará, ás 00.00 horas, cun espectáculo pirotécnico.