Máis de 400 candeas e fachos iluminaron a histórica ponte ofrecendo un máxico ambiente cheo de música
Centos de persoas ateigaron onte á tardiña o Campo do Río de Ponteledesma na terceira edición da Noite Velada. Organizada polo Concello de Boqueixón, a cita rexistrou todo un éxito de convocatoria.
Máis de 400 candeas e fachos iluminaron a histórica ponte, resaltando a súa espectacularidade e ofrecendo un máxico ambiente no que a música foi a grande protagonista. Así, dende as 20.30 horas, a Noite Velada ofreceu ás persoas asistentes as actuacións das agrupacións Estralampo, Luz do Ilicinio, Muxicas da Silveira e de Manoele de Felisa. Este último cantante interpretou varias cancións nas que se fixeron alusións ao municipio boqueixanés, a través das letras de poemas do escritor cruceño Xosé Neira Vilas.
Ademais, habilitáronse distintos postos de comida e bebida para que veciñanza e visitantes puideran gozar dunha agradable noite verán que se alongou ata pasada a medianoite. A cita completouse coa representación do conxuro da queimada, que correu a cargo do veciño Fernando Mouriño, para despois finalizar cunha degustación.