Visitaron as minas de San Finx, polo que foi un percorrido moi útil para coñecer o patrimonio natural, industrial e histórico de Lousame
A nova saída pola ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba, organizada por Galicia Senderismo en colaboración co Concello de Lousame, acadou un considerable éxito de participación. Máis de trinta persoas efectuaron o percorrido duns quince quilómetros de longo. A peculiaridade neste ocasión veu dada polas diferentes tonalidades que presenta a contorna natural despois das chuvias das xornadas recentes.
Os visitantes, que procedían tanto do municipio como de fóra, tiveron como punto de saída a pé o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. A partir de aí avanzaron dous quilómetros en ascensión ao Monte Culou, con vistas á ría de Muros e Noia. Logo baixaron catro quilómetros ata a Ponte Vella do río Vilacoba. Seguindo o cauce tiveron ocasión de ver as distintas fervenzas antes de chegar á Ponte Gaiteira. Iso permitiulles descubrir enxeños hidráulicos de aproveitamento ecolóxico da auga, como canles, muíños ou papeleiras.
Ao rematar, os sendeiristas desprazáronse ata as Minas de San Finx para participar nunha visita guiada polo seu museo. Mayte Sobradelo, guía, explicoulles a relevancia histórica desta industria, mentres que Néstor Romero, técnico municipal de Deportes, encargouse de guiar a ruta sendeirista.
Galicia Senderismo agradeceu a elevada participación e o ambiente creado nos grupos que participaron nestas saídas, cunha elevada predisposición a coñecer a riqueza paisaxística da zona e tamén a súa historia industrial, respectando en todo momento as indicacións dos responsables da ruta.