Saturday 16 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 91.000€ na construción dun itinerario peoníl e ciclista entre o núcleo de Carballo e o Polígono Industrial de Bértoa


Estas axudas da Xunta apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 91.000 euros no itinerario peonil e ciclista para enlazar a AC-552 e o Polígono Industrial de Bértoa.

Este parque conta cunha superficie de 347.000 metros cadrados e con máis de 175 empresas instaladas. A actuación que se está realizando consiste nunha senda de 550 metros de lonxitude na que se levará a cabo a pavimentación da beirarrúa e do carril bici, o axardinamento da franxa de separación coa calzada a execución da rede de drenaxe de augas pluviais e a disposición da sinalización vertical.

O delegado territorial destacou que con esta actuación “se mellora a comunicación entre o núcleo de Carballo e o parque empresarial a través dun percorrido para peóns e bicicletas para fomentar unha mobilidade urbana máis sostible”.

Ovidio Rodeiro sinalou que con esta orde de axudas “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

O representante do goberno autonómico destacou que “con esta iniciativa a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e con apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.

A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.

Comarca Bergantiños-Costa da Morte
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta Galicia investirá máis de 354.000 euros en obras en polígonos industriais de Carballo, Laracha, Cerceda, Zas e Cee. Estas inversións son posibles grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria e suporán un investimento total na comarca de 443.000 euros dos que a Xunta aporta o 80%.

A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.