Thursday 21 de November de 2024

A Deputación e a Fundación Mujeres reeditan en San Sadurniño os obradoiros dirixidos a mulleres coidadoras de dependentes


 

Velaí un dato que dá que pensar, moito que pensar: o 76% das persoas que coidan de dependentes son mulleres. Elas son quen asumen unha tarefa invisible atendendo nais, pais, sogros, sogras… incluso outras persoas sen unha vinculación tan directa que non teñen quen mire por elas. As mulleres coidadoras asumen un labor invisible que o Estado do Benestar non é capaz de cubrir e que, cada vez, cobra máis importancia debido ao avellentamento da poboación. Seguro que coñecemos ducias de casos, sexa por vivilos na casa ou por telos arredor, pero no que case ninguén repara é nos custes persoais que lle ten á muller dedicarse ao coidado doutra persoa. E son moitos. O máis evidente é o desgaste físico e psíquico. O menos evidente é que, case sempre, a súa entrega aos coidados supón sacrificar tempo libre, tempo compartido con amizades e familia, abandonar o traballo e, en definitiva, renunciar a un proxecto de vida propio. Sobre todas estas cuestións reflexionan os obradoiros do Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural que teñen en marcha a Deputación da Coruña e a Fundación Mujeres, centrado en facilitarlles ás mulleres coidadoras a formación necesaria para, en primeiro lugar, tomar conciencia da situación e, logo, mostrarlles a maneira de coidarse a si mesmas no físico e no emocional. O servizo traerá a San Sadurniño varios talleres gratuítos con esa finalidade que se desenvolverán entre setembro e novembro. As inscricións xa están abertas no 981 490 027 ext.1 e deben formalizarse antes do 11 de setembro.

O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven esta tarefa -os denominados “custos do coidar”-: a maioría das mulleres, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a súa saúde, a súa autoestima, o seu lecer e tempo libre, a súa vida familiar, as súas relacións, o seu traballo e por tanto a súa economía.

Para estas mulleres a responsabilidade case exclusiva do coidado das persoas dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os seus desexos e necesidades para atender aos doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social.

Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, a Fundación Mujeres puxo en funcionamento un servizo concibido como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que pretende ser un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Con este Servizo, que xa leva 7 anos, contribúese a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables.

Mediante as actividades grupais refórzanse as relación sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación. Ademais, a formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima, pretenden que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable, mellorar a súa calidade de vida e que se minimicen os riscos de saúde que corren na actualidade, asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras. Desta forma o proxecto busca fomentar o seu empoderamento persoal durante toda a intervención.

Tamén teño que mirar por min
Son quen coida todos os días do meu pai, da miña nai… do meu sogro ou sogra, dun fillo ou unha filla con algún tipo de discapacidade… pero, ¿quen me coida a min ante a sobrecarga física e emocional que supón esta situación?, ¿de que maneira poido sobrelevala sen ter que renunciar á miña propia vida nin tampouco ao meu futuro?. Esas son as dúas grandes preguntas que se tentarán responder nas sesións programadas, dirixidas a mulleres que fan en silencio e sen coñecementos profesionais un labor social e humano que case nunca ten a visibilidade que debera nin tampouco unha compensación suficiente a través da Lei da Dependencia.

O proxecto SAIC Medio Rural arrancou en San Sadurniño o ano pasado e tivo moi boa acollida. Agora repítese con catro obradoiros con outros tantos temas moi concretos. Terán lugar na Casa da Xuventude desde o 18 de setembro até o 27 de novembro, todos gratuitos, todos en mércores e con horario de 10.30 a 12.30h.

Datas

Obradoiros

Mércores 18 e 25 de setembro e 2 de outubro

Xestión emocional “Emocionarte, a arte das emocións”

Mércores 9, 16 e 23 de outubro

Identidade a autoestima “Como te queres, como te sentes”

Mércores 30 de outubro e 6 de novembro

Proxecto vital persoal “Rumbo á miña vida”

Mércores 13, 20 e 27 de novembro

Habilidades de comunicación “Como poñer límites e non morrer no intento”

Para participar nestes talleres ou obter máis información hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1). O prazo de inscrición finaliza o 11 de setembro.