Ademais de numerosos grupos folclóricos, bandas de música e cabezudos a xornada estivo animada polas orquestras Trovadores e Los Satélites
Ordes honrou á Santa María nunha xornada marcada pola festa e a celebración. Xa desde ben cedo os gaiteiros e grupos folclóricos anunciaban cos seus pasacalles que hoxe era o día da patroa do lugar.
A devoción e veneración chegou coa misa solemne e, moi especialmente, coa procesión na que a imaxe da Santa percorreu a arteria principal de vila, a avenida Alfonso Senra. Como manda a tradición o alcalde de Ordes e o seu equipo de Goberno, así como outros membros da corporación municipal, participaron nestes actos. A diversión continuou despois cos gaiteiros e cabezudos da Asociación Cultural Espadana e coa Banda de Música Cultural de Teo. Pero quen de verdade fixo bailar a todos e a todas os que se achegaron á sesión vermú foi a orquestra Trovadores.
Xa de cara a esta noite Los Satélites, e novamente Trovadores, serán quenes animen a quen se achegue á alameda de Ordes. Antes, a iso das 23.45 horas, haberá un espectáculo pirotécnico no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente.
O programa de mañá venres, día de San Roque, ten como punto de maior interese a homenaxe que dende o Concello de Ordes se lle rende aos emigrantes. Na misa das 13 horas Dolores Carrera Viqueira representará a toda a diáspora. Inmediatamente despois terá lugar a ofrenda floral ante o monumento ao emigrante. As orquestras Principal e Combo Dominicano completan o cartel deste día.
O III Festival Son de Ordes pechará as festas patronais de Ordes o vindeiro sábado. Susana Seivane e a Orquestra Mondragón con Javier Gurruchaga serán os pratos fortes deste día. As actuacións darán comezo ás 22.30 e ás 0.30 horas respectivamente.
Paralelamente a todos estes actos o parque da Constitución acolle unha feira de artesanía na que, ademais de poder mercar todo tipo de obxectos e agasallos, tamén se poden degustar, por exemplo, unhas deliciosas filloas con rixóns.