O consistorio achega 6.000 euros e asume a contratación de Sés a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ademais de brindarlle apoio loxístico á entidade
O calendario anual funciona para moitos veciños e veciñas de Moeche -e mesmo para incondicionais dos arredores- ao ritmo que marca a celebración do Festival Irmandiño. 365 días que se contan non en meses nin en días, senón no que dura o festival e o que tarda en volverse celebrar. Ese ciclo ten, polo tanto, tres días intensos e outros 362 (363 se o ano é bisesto) de mirar o almanaque polo rabo do ollo para ver canto falta para que se volva poñer a cero. E nesas estamos neste momento, descontando horas coa impaciencia de que empece un dos festivais máis veteráns de Galicia. Corenta edicións ao lombo, que se din rápido. Desde 1980 o Irmandiño non faltou nunca á cita, gracias a moito esforzo, constancia e determinación de ducias de persoas que estiveron, están e estarán aí mentres poidan, puxando para facelo cada ano máis lindo, cada ano mellor e mellor ;). E nese labor o Concello tamén bota un cabo ata onde lle dá a peza, a través dun convenio que ten unha importante parte económica e outra de loxística para que todo saia como ten que saír, para que o festival sexa, coma sempre, un éxito.
A maior parte da colaboración municipal coa Asociación Cultural Irmandiños de Moeche reflíctese no convenio asinado este serán entre a alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a presidenta da entidade, Carla Couce. O texto recolle unha achega económica de 6.000 euros pagadeiros en dúas veces, 3.000 euros trala sinatura e outros 3.000 no momento de presentar a xustificación dos gastos. Alén desta contía, o Concello tamén asume os algo máis de 2.500 euros correspondentes ao 25% do caché de Sés -10.285 €-, concerto solicitado polo consistorio á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
No tocante á loxística, o Concello de Moeche xestiona a colocación e retirada de colectores do lixo e de valados de protección, achega un operario e unha cisterna chea de auga para o lanzamento dos foguetes da noite e ademais coordina con As Pontes, Ortigueira, Ferrol e Valdoviño o dispositivo de Protección Civil que se encarga da regulación do tráfico. A colaboración municipal coa organización do Festival Irmandiño abrangue tamén insercións publicitarias en prensa, a roza dunha pequena zona anexa ao campo de Melle, a apertura gratuíta do castelo durante a fin de semana e a cesión de espazo para as actividades que teñen lugar dentro da fortaleza e arredor dela.
E diso, das actividades, toca falar de novo, aínda que a estas alturas todo o mundo ten gravada na cabeza a imaxe do cartel. O programa volve combinar música e propostas de lecer durante tres intensos días que nos traen ao presente a revolta Irmandiña de 1431, cando o exército de Roi Xordo -a Irmandade Fusquenlla- se apoderou do castelo perseguindo ao seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”. Non o pillaron por pouco e, pouco despois, a revolta foi reprimida con dureza. Fose como fose, en Moeche segue reivindicándose a figura de Roi Xordo e de todos cantos o acompañaron naquela primeira revolución que volvería prender anos máis tarde, en 1467, con moita máis forza e cun resultado final parecido. Foi daquela cando os Irmandiños derrubaron parte do castelo, sen imaxinar que pouco despois terían que reconstruílo como castigo.
Con ese espírito histórico e reivindicador arrancará o Irmandiño na noite do venres. Inaugúrao A Requinta da Laxeira ás 22.00h. coa súa habitual proposta de música tradicional a pé de campo na que repasan pezas moi animadas e bailables. Unha actuación que, con total seguridade, fará fundido-encadeado coa repichoca posterior -sobre as 0.30h.-, á que están convidados desde xa todos os gaiteiros e gaiteiras, acordeonistas e percusionistas de toda a volta.
O sábado, día forte do festival, o castelo estará aberto desde as 11 da mañá con entrada de balde -igual que o domingo- e empezaremos a quentar motores para o resto da xornada a iso das 13.30h. cunha sesión de picadiscos no campo de Melle. Despois, parada para xantar. E aí hai moitas opcións: ir de merendada, mercar un bocata do toldo, degustar o menú dalgún dos restaurantes de Moeche ou incluso ter algo de previsión e pillar antes de baixar calquera cousa rica das que hai no mercado de San Ramón dos sábados pola mañá.
A partir da tarde todo irá encadeado. Ás 17.00h. comezará no castelo o asalto infantil, co que se quere ir sementando na rapazada a querencia por todo o que representa o Irmandiño propoñéndolles para iso unha actividade que ten máis de lúdica que de bélica. Desde a organización recoméndanlles ás familias que anden xa polo entorno do castelo sobre as 16.15 ou 16.30h. para facer os preparativos.
Sobre as 18.00h. comezará preto do campo do festival a competición de xogos tradicionais, con retos tan entretidos e espectaculares como o tiro á corda, o serrado con tronzador ou o lanzamento de pacas de herba seca.
Os xogos rematarán co tempo xusto para levar algo á boca e botar algo por riba dos ombros por se refresca antes de empezar a desfrutar da primeira xeira de grupos: ás 20.30h. Os Carecos, ás 21.30h. Saraibas -un dos grupos que actuaron no arranque dos anos 80- e, ás 23.00h., Sés, quen anda de xira presentando novo traballo e quen lle dará paso á lectura do pregón por parte do poeta local Alfonso Venancio.
A expensas dos bises de Sés, o programa calcula que o pregón se pronuncie sobre as 00.30h., de xeito que o tradicional asalto e a sesión pirotécnica culminarán arredor da unha ou unha e cuarto da madrugada. Poñámoslle a unha e media, xa que estes horarios son aproximados, aínda que nos últimos anos a organización cada vez vai cinguíndose máis ao que pon o cartel pensando sobre todo naquel público familiar con nenas e nenos pequenos que non queren perder o espectáculo antes de se recoller.
En calquera caso, despois do asalto -01.15 ou 01.30h.- os vascos Huntza abrirán a segunda parte da noite seguidos cara ás 02.45h. do punk rock dos composteláns Tecor Societàrio. E despois, descansar ata o mediodía do domingo.
E é que ao Irmandiño aínda lle queda un terceiro día de mecha que queimar. Será ao pé do castelo a partir das 13.30h. cunha sesión vermú animada polos Feroces da Galgueira, expertos en liadas repichoqueiras e foliadeiras que estirarán repertorio até as 15.00h., momento de pausa para comer de campo crioulos, liscos e xamón cocido acompañados de pan e cachelos polo módico prezo de 4€.
Os últimos estalos deste 40º Festival Irmandiño de Moeche serán, a partir das 16.30h., Os Carecos e De Ninghures. E cando acaben, acabouse. Volta a descontar os 369 días que faltarán para a edición número 41. E non, non nos enganamos no cálculo: 2020 será ano bisesto e, ademais, ao festival tocaralle celebrarse o 21, 22 e 23 de agosto.