O alcalde noiés, Santiago Freire, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, presidiron a recepción oficial ao remeiro
O Salón de Plenos de Noia acolleu esta tarde a recepción oficial ao mozo deportista Caetano Horta. O alcalde, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, presidiron este acto co que quixeron poñer en valor o excelente traballo desenvolvido polo remeiro noiés no Campionato Mundial Júnior de Remo celebrado recentemente en Tokio. Caetano Horta logrou posicionarse no quinto posto desta competición a nivel internacional.
Na súa intervención, a edil de Deportes salientou “a tenacidade e o esforzo” de Caetano Horta, ao que posicionou como “un gran exemplo polos seus éxitos. Ben sabemos que para el non foi doado chegar onde chegou, e acadar un gran resultado como o deste campionato do mundo”. Laura Salgado amosou o seu agradecemento “por levar o nome de Noia aos cumes máis altos e por dar a coñecer a nosa vila e o noso deporte por todo o mundo. Desexamos que continúes engrandecendo o teu percorrido”, concluíu.
Pola súa banda, o rexedor noiés, Santiago Freire, salientou que “Noia ten grandes talentos deportivos”, sendo, precisamente, Caetano Horta un excelente exemplo. Uns resultados que non conseguiría sen moito esforzo e tampouco “sen o apoio da súa familia que o apoiades e que o axudades, ao igual que o equipo e dos entrenadores para que no día a día vaia superando esas marcas”. Santiago Freire fixo entrega ao mozo remeiro dunha placa conmemorativa desta recepción, ademais dun vale para adquisición de material deportivo, como “como mostra de agradecemento a todo ese traballo realizado” no eido do remo.
Visiblemente emocionado, Caetano Horta agradeceu a todas as persoas presentes o seu apoio nesta recepción oficial. O deportista cualificou de “incrible” a experiencia vivida no Campionato Mundial Júnior de Remo, ao tempo que lembrou “todo o traballo que hai detrás” deste quinto posto.
O acto concluíu coa sinatura no Libro de Honra do Concello por parte de Caetano Horta. O deportista finalizou esta homenaxe saíndo ao balcón do Consistorio noiés, do que colgaba unha pancarta que dicía Parabéns, Caetano Horta. O noso campión, para saudar a todas as persoas que se achegaron a este acto para amosarlle o seu apoio.