Concello de Riveira e Asociación Corrubedo XI Séculos rubricaron un convenio en virtude do cal a administración municipal contribúe aos obxectivos da devandita entidade coa fin de homenaxear o 1.100 aniversario do nacemento do coto de Corrubedo e da primeira referencia documentada deste topónimo.
O acordo foi firmado no Consistorio polo alcalde Manuel Ruiz e por Antonio Freire como presidente da asociación corrubedá e materialízase nunha subvención de 10.000 euros a empregar en eventos lúdicos e culturais, conferencias, exposicións, mapas e outras accións.
DÍA da Patroa
De feito, a Asociación Corrubedo XI Séculos é a entidade organizadora das actividades conmemorativas mañá xoves da patroa da parroquia, Santa María da Asunción, entre as que se inclúen a Carreira Popular; unha misa solemne na honra da Virxe ás 12 do mediodía; actividades infantís de 16.30 a 20.30 horas (inchables, tren e festa da escuma, entre outras) ou un concerto de habaneiras ás 19 horas que ofrecerá na igrexa o Coro Parroquial.
Ademais, para o 25 de agosto está programada unha comida popular que incluirá a estrea do vídeo institucional destes once séculos.