O consistorio estima os desperfectos nuns 2.000 euros
Portas forzadas, pintadas, desperfectos no mobiliario exterior e nos aseos do patio cuberto, varandas e proteccións rachadas, restos de lume… Ese é o balance por agora dos actos vandálicos que se produciron nos últimos días no recinto do CPI de San Sadurniño. De momento non hai unha estimación exacta sobre os custes da reparación, pero todo apunta a que volvelo todo ao seu estado orixinal pode supoñer entre 1.500 e 2.000 euros. O Concello acaba de poñer os feitos en coñecemento da Garda Civil co obxectivo de identificar as persoas responsables ou, polo menos, dar un toque público de atención sobre unha conduta que non só ocasiona gastos, senón que tamén pode ser orixe de males maiores.
Os danos comezaron hai días con pequenos desperfectos que foron indo a máis até a pasada noite. Esta mañá o Concello recibiu aviso de que as portas que comunican o patio cuberto coa rúa paralela ao colexio apareceran abertas e con sinais de ter sido forzadas cunha panca e que, ademais, había pintadas feitas con aerosol no peche perimetral e incluso nos cristais das portas.
A isto súmanselles outros danos, como os ocasionados nas proteccións acolchadas do patio ou no interior dos aseos, que tamén hoxe apareceron coas portas rebentadas e coas paredes emporcadas. Mesmo se aprecian restos de pequenas fogueiras en varios puntos que, tal e como sinalou Amparo Calvo -quen continúa levando até o remate do verán algunhas cuestións da súa anterior área-, “poderían poñer en perigo todo o edificio se un deses focos se aviva e prende de forma descontrolada”.
A concelleira apunta a “actos vandálicos acumulados nos últimos días” cuxa reparación terá un custe, segundo as primeiras estimacións, “de alomenos 1.500 ou 2.000 euros”, aínda que, segundo adianta Calvo, “agora haberá que facer unha valoración máis detallada da reposición dos desperfectos, que son moitos e algúns relativamente caros, como ocorre coas proteccións acolchadas do patio”.
Segundo a actual titular de Cultura e anterior responsable das actuacións de mantemento municipais, nestes momentos estan investíndose 9.000 euros en melloras no centro de ensino, materializadas no pintado de corredores, na habilitación de novas áreas de xogo e no arranxo de parte da fontanaría. “As reparacións que se están facendo son un investimento en educación, pero os actos vandálicos son un gasto que nunca deberiamos ter que facer. Cartos tirados sen falta e que pagamos entre todas e todos por causa do incivismo de algúns”.
O Concello xa lle trasladou o ocorrido á Garda Civil para que tome cartas no asunto. “Hai que atallar o problema antes de que vaia a máis. Son feitos denunciables, a Garda Civil xa está ao tanto do sucedido e incluso hai indicios que poderían axudar a identificar en breve ás persoas responsables”, explica Amparo Calvo.