Friday 22 de November de 2024

O concello inviste 158.000 euros en mellorar a seguridade viaria en Matogrande e na avenida de Fisterra


Os traballos desenvolveranse do 18 ao 29 de agosto en horario nocturno, de 23.00 a 7.30 horas, e consistirán no asfaltado das rúas Enrique Mariñas e Carlos Martínez Barbeito, nas rotondas de Díaz Porlier e Camilo José Cela e onde están as oficinas de R e na avenida de Fisterra, así como na incorporación a Newton

Se a climatoloxía o permitir, a semana que vén realizaranse traballos de asfaltado nocturnos en Matogrande e mais na avenida de Fisterra. Á falta das medicións finais, as obras teñen un custo estimado de 158.000 euros, 120.000 en Matogrande e 38.000 na avenida de Fisterra. Segundo a previsión acordada con Circulación, na noite do domingo 18 ao luns 19, de 23.00 a
7.30 horas, farase o fresado nas rúas Enrique Mariñas e Carlos Martínez Barbeito. Ao día seguinte, do 19 ao 20 de agosto pola mañá, estenderase o novo asfaltado en Matogrande.

Os equipos descansarán o 23 e 24 e, na noite do domingo 25 ao luns 26, realizarase o fresado na segunda zona, que abarca a rotonda de Díaz Porlier; repararanse tamén os tramos máis deteriorados da rotonda de Camilo José Cela. Do 26 ao 28, seguiranse executando as fases de Matogrande e, da noite do 28 ao xoves 29, os traballos trasladaranse á avenida de Fisterra, onde están as oficinas de R, e á incorporación da rúa Newton.