Arredor de 500 persoas acudiron onte á Carballeira de Rodiño para asistiren á primeira das xornadas do programa Feiras Activas posto en marcha polo Concello de Boqueixón. Esta cita coincidiu tamén coa celebración da Feira da Xudía que ofreceu, entre outras actividades, degustacións de produto e actuacións musicais.
Así, o campo da feira de Rodiño acolleu a actuación de Kote Malabar na que grandes e cativada desafiaron á choiva para gozaren dunha amena actuación. Malabares, música e moito humor centraron o espectáculo Cirkote, que se viu interrompido na parte final por mor da choiva.
O programa Feiras Activas é iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer. A seguinte cita será xa o 1 de setembro, ás 12.30 horas, no Campo da Feira de Lestedo, co espectáculo Rogelio, un pallaso en recuperación protagonizado pola compañía Assircópatas.