O programa socioeducativo e de conciliación Aldea de Verán viviu esta mañá unha xornada un tanto distinta e, sobre todo, diversa. O campamento recibiu a visita de Jeane, John, Said, Zinthia, Anna e Nour. Persoas que na súa maioría e por razóns económicas, políticas ou por causa das guerras, tiveron que abandonar os seus respectivos países e comezar unha nova vida aquí, en Galicia. Algo que non lles foi doado, principalmente polas barreiras do idioma, polas diferenzas culturais e administrativas e, tamén hai que dicilo, polos receos que sempre existen en maior ou menor medida nas comunidades de acollida. A través da asociación SOS Racismo obtiveron apoio para se integraren social e laboralmente e agora son elas e eles quen lle axudan a quen vén de fóra -acompañando na tramitación de papeis, traducindo, etc.- para afacerse ao seu día a día. En paralelo tamén fan un labor de concienciación a prol do respecto pola diversidade que no caso das nenas e nenos da Aldea de Verán se traballou con xogos e contos.
SOS Racismo Galicia ten en marcha ReDiversa, que é un proxecto cofinanciado pola Fundación LaCaixa, a Deputación e o Concello da Coruña centrado na dinamización e a mediación intercultural. O programa facilita canles de comunicación e de participación social a través dun servizo gratuíto de tradución-interpretación de linguas coma o Wolof -falado en Gambia ou no Senegal-, o Bereber ou o Mandinga -dialecto do occidente da África subsahariana-, ademais do Árabe, o Francés, o Inglés -tamén a variante Broken English, froito da súa mestura con outras linguas- e o Portugués. “Axudámoslle co idioma ás persoas que acaban de chegar e que non falan a nosa lingua a facer trámites burocráticos ou xestionar a súa vida nun espazo novo como é vir a outro país”, explica Jeane Costa, coordinadora do proxecto. Para obter máis información, solicitar axuda do programa ou mesmo colaborar economicamente con el pódese contactar con proxectos@sosracismogalicia.org ou co teléfono 881 963 797.
Porén, as outras dúas patas de ReDiversa céntranse no acompañamento ás persoas migrantes e nun labor de concienciación social. “Na mediación axudamos tamén a facer trámites como acudir aos servizos sociais, solicitar o empadroamento ou a tarxeta sanitaria. E, na parte de dinamización, facemos actividades coma estas nas que traballamos cuestións coma o racismo, a diversidade étnico-racial, a forma como as persoas xestionan a convivencia con persoas migrantes… tamén a reflexión sobre os procesos migratorios”, comenta Costa.
Cousas que as persoas maiores captamos á primeira, pero que á rapazada hai que dárllelas mastigadas e dunha maneira que lles sexa doada de comprender. De aí que esta mañá se botase man dos contos e dos xogos para abordar os conceptos relacionados de respecto e diversidade, e tamén que fosen Nour, procedente de Siria, Said -exiliado de Alxeria-, John -de Gambia-, a senegalesa Anna e a venezuelana Zinthia quen se encargasen de todos os obradoiros.
Tal e como describe Jeanne Costa, as actividades buscan “facer unha reflexión a través dos contos sobre a diversidade étnica e racial, tamén sobre a interculturalidade e a educación en valores. Traballamos contidos coma o racismo, a diversidade das persoas, das linguas, dos corpos e tamén a parte da emigración e do exilio de persoas que veñen doutros países e como lles axudamos, como facemos amizade e como coexistimos entre comunidades diversas”.
A sesión desta mañá na Aldea de Verán foi unha das que máis lle chamou a atención das 32 nenas e nenos participantes nesta quenda de agosto, quen recibiron cun chisco de abraio á xente de ReDiversa -sobre todo a John e Anna-, aínda que a sorpresa inicial non tardou en darlle paso ao divertimento do xogo e de escoitar as narracións que lles traían, entre elas as recollidas no libro “Mulleres negras na ciencia”, escrito pola xornalista Zinthia Álvarez Palomino que tamén estivo no encontro.
Precisamente, a Aldea de Verán ten os contos como fío condutor desta edición de 2019. As actividades de hoxe desenvolvéronse no ximnasio do CPI e tamén na antiga casa do conserxe do colexio, aínda que o campamento de San Sadurniño tamén ten outros escenarios, como a piscina, os xardíns municipais, a Casa da Cultura ou a zona do río e do paseo do Xubia, onde o día 27 deste mes as nenas e nenos volverán buscar ouro con axuda do xeólogo Fran Canosa.