Os talleres de formación e emprego teñen unha duración de seis meses e permiten, aos menores de 30 anos, formarse nun oficio mentres acceden a un traballo e realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu a convocatoria de Obradoiros de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante esta iniciativa a Xunta investirá na provincia da Coruña 1,3 millóns de euros para formar a 119 alumnos-traballadores de 22 concellos en 8 talleres de formación e emprego.
Concretamente, na área do Barbanza terán lugar dous obradoiros de Garantía Xuvenil organizados pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos Boiro; e de Muros agrupado con Carnota. Estes cursos de formación e emprego permitirán que 32 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres acceden a un traballo e realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. A duración destes obradoiros será de 6 meses e deberá comezar antes do 30 de setembro.
O obradoiro de Boiro constará de dúas especialidades e contará cun investimento da Xunta de 180.000 euros. Concretamente, impartirase a formación de Operacións Básicas de Cociña e de Operacións Básicas de Cociña e Bar. As alumnas e alumnos farán as súas prácticas elaborando menús, sociais, saudables e solidarios. Ademais, participarán en eventos gastronómicos, en xornadas de showcooking e en comidas de degustación.
O obradoiro de Muros, cun investimento de 180.000 euros, constará das especialidades de Limpeza en Espazos Abertos e de Instalacións Industriais e de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais. As alumnas e alumnos realizarán a parte práctica coa limpeza e revalorización de espazos públicos dos municipios de Muros e Carnota e nos servizos administrativos xerais e no rexistro de ambos concellos.
Os participantes nestes obradoiros deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.