Tuesday 26 de November de 2024

A Xunta impartirá dous Obradoiros de Garantía Xuvenil en Carballo e A Laracha para formar a 16 alumnos en carpintería e moble e en atención socio sanitaria


A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 315.000 euros nestes dous talleres de formación e emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu a convocatoria de Obradoiros de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante esta iniciativa a Xunta investirá na provincia da Coruña 1,3 millóns de euros para formar a 119 alumnos-traballadores de 22 concellos en 8 talleres de formación e emprego.

Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte terán lugar dous obradoiros de garantía xuvenil organizados pola Xunta de Galicia en colaboración con Carballo e A Laracha. Estes cursos de formación e emprego permitirá que 32 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. A duración destes obradoiros será de 6 meses e deberán comezar antes do 30 de setembro.

O obradoiro de Carballo será da especialidade de Carpintería e Moble e contará cun investimento da Xunta de 135.000 euros. A parte práctica para os 12 alumnos consistirá na construción e instalación do mobiliario interior do Museo de Bergantiños.

O obradoiro de A Laracha centrarase en dúas especialidades: Carpintería e Moble e en Atención Socio Sanitaria a persoas con Capacidades Diferentes en Institucións Sociais. A parte práctica consistirá no coidado de maiores en institucións sociais do municipio e na fabricación de mobiliario para o polideportivo de A Laracha e de Caión, para a Casa da Cultura e para mellorar o paseo marítimo de Caión.

No caso destes obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.